Loli Pedrares será a nova Responsable da Sección de Atletismo no CGTD

Na semana pasada tivo lugar a xuntanza da Comisión que analizou os curriculums dos solicitantes para o cargo de Adestrador Responsable do Programa de Tecnificación desta federación no CGTD. A Comisión, tras escoitar tamén a opinión da Dirección do CGTD, acordou elevar ao presidente da FGA para o seu nomeamento a ex-lanzadora de nivel internacional Dolores Pedrares Alonso. mais comúnmente coñecida como Loli Pedrares. Loli goza dun extenso curriculum académico, atlético e de xestión técnica do atletismo. É licenciada en Ciencias do Deporte polo INEF Galicia, especialista en motiricidade humana, doctoranda en Deporte, Educación Física e Educación para a Saúde, Máster de Alto Rendemento do Comité Olímpico Español, Adestradora de Club RFEA, membro do Comité Organizador de distintas accións formativas no eido do atletismo, encargada da Asociación de Deportistas de Élite, foi adestradora de distintos atletas de nivel nacional, e conta ca experiencia de ser campiona de España absoluta de martelo en 4 ocasións, subcampiona en 6 ocasións e batiu numerosos records de España. Dende a FGA desexámoslle o mellor neste novo cargo a esta gran profesional, tanto dentro como fóra das pistas e confiamos plenamente en que o seu traballo verase reflexado en novos éxitos do atletismo galego.

Compartir: