A última competición en pista a nivel nacional deparou excelentes resultados para o atletismo galego. O Estadio Larrabide de Pamplona acollía a edición número 92 do Campionato de España absoluto coa presenza dunha trintena de atletas galegos entre eles debutantes ou promesas do noso atletismo como
Leticia Fernández, Enrique Prego, Lidia Parada, Paula Ferreiros ou Belén Toimil entre outros. Na
xornada do sábado o protagonista indiscutible foi Manuel Penas que lograba alzarse co título de Campión de España nos 5000 metros lisos, recordamos que o arzuano na presente tempada xa lograra os títulos de 10000 metros en pista e en ruta. Nesta ocasión Manuel Penas partía como favorito e demostrouno dende o
pistoletazo de saída situándose detrás de Kidane Tadesse, os dous distanciaríanse do resto de competidores, por detrás un ambicioso Alejandro
Fernández tiraba do grupo. Nunha carreira lenta prexudicada polo vento Lolo Penas cruzou a meta nun tempo de 13.57.92 mentres que a calidade e a valentía do atleta do
Ourense Academia Postal Alejandro Fernández, adestrado por Santiago Saco, tiña a súa recompensa coa medalla de prata. Outros tres atletas
conseguirían o segundo posto nas súas respectivas disciplinas, Fran Casañas no lanzamento de disco con 63.27 nun duelo axustado co tinerfeño Mario
Pestano, Jean Marie Okutu no salto de lonxitude lograba a prata coa mesma marca que o terceiro clasificado 7.64 e en lanzamento de xavelina segundo posto de
Jose Manuel Vila con 68.47 lonxe da súa marca da tempada 71.53, nesta mesma proba Borja Barbeito foi quinto con 63.69.
Na proba dos 1500 metros lisos femininos Solange Pereira demostrou que está capacitada para competir coas mellores especialistas españolas da distancia,
nunha carreira lenta na que Leticia Fernández tamén lograba aguantar no grupo de cabeza. Ao toque de campá Natalia Rodriguez aumentaba siginificativamente o ritmo, o cal só
eran capaces de aguantar Solange Pereira e Isabel Macías, finalmente Solange seria medalla de bronce nun final disputadísimo e Leticia Fernández que realizou tácticamente unha excepcional carreira
foi sexta. A última hora da tarde celebrábase a proba dos 10 km marcha femininos coa participación de case todas as mellores marchadores españolas, iso propiciou que Eva Maria Iglesias lograse a
súa mellor marca con 46.30.50 entrando na meta nun valioso quinto posto, por detrás de atletas internacionais como Beatriz Pascual, María José Poves e Julia Takacs.
No Decathlon masculino contabamos con tres atletas, o atleta internacional David Gómez do Real Club Celta de Vigo, Santiago Ferrer da Sociedad Gimnástica de Pontevedra e David
Ferrer do ADAS. No recordo o sensacional intento de mínima olímpica de David Gómez en Vigo no mes de xullo apoiado e alentado por todo o atletismo galego, nesta ocasión en xogo o título de
Campión de España. David realizou probas a un nivel moi alto como a xavelina con 63.71, a lonxitude con 7.39, uns sensacionais segundos douscentos metros no 400 gañando a serie con 50.65 e 1.93
en salto de altura, nesta proba Santiago Ferrer lograba superar o listón en 1.84, napértega 4.50 e un segundo posto no 1500. DavidGómez finalmente lograría o seu quinto título de Campión de
España con 7580 puntos. Santiago Ferrer 6327 e David Ferrer 5718.
Na xornada do domingo o vento calmouse un pouco o que permitiu ver mellores rexistros. Na semifinal dos 200 metros lisos feminino Lidia Casal pasou á final sen problema correndo
en 24.90, xa na final que se disputaría pola tarde foi cuarta pelexando ata
o último metro pola medalla de bronce. Nos 400 metros lisos femininos, a mellora das nosas atletas na presente tempada viuse reflectido nestes campionatos co pase á final de tres atletas galegas,
Esperanza Caldas, Paula Ferreiros e Candela Diaz, na final Esperanza foi cuarta con mellor marca persoal 56.12 ao igual que Candela con 56.82 e Paula Ferreiros 58.11. Outra das protagonistas da
tempada non quixo ser menos neste Campionato, Belén Toimil lograba a medalla de bronce en lanzamento de peso con 14.91 e a de disco con 46.94, a atleta de Mugardos completa así unha sensacional
tempada na que ademais destas dúas medallas recordemos que foi finalista no Campionato do Mundo Júnior celebrado en Barcelona e Campiona de España júnior nas dúas disciplinas. Por último destacar
o quinto posto de José Alfonso Palomanes con 15.86 en triplo salto moi preto da súa mellor marca.
Bo fin de tempada para os nosos atletas neste Campionato de España Absoluto no que homes importantes do noso atletismo renderon a un excelente nivel como é o caso de Manuel
Penas, Jean Marie Okutu e Isaac Vicente, a calidade de dous atletas cun futuro prometedor como Alejandro Fernández e Solange Pereira e sen lugar a dúbidas valorar as dúas medallas conseguidas por
Belén Toimil, atleta da categoría júnior que continúa a súa progresión no panorama atlético nacional e internacional Resultados ACTUACCION GALEGA