Resultados

Campionato de España de Clubes: O ADAS ascende a máxima categoria

A última xornada do Campionato de España por Clubs disputada este fin de semana, que proclamou o Playas de Castellón e o Valencia Terra i Mar campións de Liga, ten como noticia máis destacada a vitoria do ADAS no encontro disputado en Alcorcón, que lle permite o ascenso a División de Honra para a tempada que vén, onde se manteñen tras a xornada de onte os equipos masculinos da Sociedad Gimnástica de Pontevedra e o Ourense Academia Postal. As rapazas da Sociedad Gimnástica logran o ascenso a primeira división mentres que o Lucus Caixa Rural descende a segunda división. Se os resultados a nivel colectivo foron bos non o é menos a actuación dalgúns dos nosos atletas con rexistros importantes nos diferentes encontros celebrados (Ir a noticia ampliada)

Foto: Julio Santiago

En División de Honra pelexando pola permanencia competían o equipo feminino do Ria Ferrol e os equipos masculinos do Ourense Academia Postal e a Sociedad Gimnástica de Pontevedra. As mulleres do Ria Ferrol desprazáronse a Valladolid onde foron quintas. Destacadisima a actuación de Lidia Casal nos 200 m.l nos que logrou unha marca de 24.93 e segundo posto para a súa compañeira Esperanza Caldas nos 400 m.l con 57.94. No triplo salto a superioridade de Ana Peleteiro volveu quedar demostrada vencendo cun bo salto de 13.30, cuartos postos para Candela Diaz nos 100 m.l con 12.52 (+2.3), Carmenza Delgado en martelo con 45.26 e Raquel Suarez en 3000 obstáculos con 11.17.40. No encontro disputado en Burgos Jean Marie Okutu levouse a vitoria en salto de lonxitude coa súa mellor marca da tempada 7.83, Victor Gallego non fallou no lanzamento de peso sendo primeiro con 16.85 ao igual que o atleta do Ourense Academia Postal José Alfonso Palomanes que en triplo salto venceu coa súa mellor marca 15.67. Na proba de xavelina competían tres atletas galegos, gañaba con 68.83 Gustavo Dacal, seguido de Manuel Uriz con 65.52 e cuarto foi Raimundo Fernández con 60.53. Nos cinco quilómetros marcha boa carreira de José Fernández que foi segundo con 22.26.93. Outro atleta que lograba a súa mellor marca da tempada era Ivan Valle que logrou franquear o listón situado en 1.98 sendo sexto na proba. Por último destacamos a marca de Javier Fidalgo nos 110 valos que fixo un rexistro de 14.83 que lle permitiu cruzar a meta en segunda posición. No computo final, neste encontro pola permanencia en División de Honra a Sociedad Gimnástica de Pontevedra foi segunda e o Ourense Academia Postal quintos.
En Alcorcón competían polo Titulo de Primera División e co obxectivo de lograr o ascenso os homes do Adas e o Club Celta de Vigo. Entre as individualidades máis destacadas citar dous homes Enrique Prego e David Gómez. Nos 400 metros lisos Enrique Prego vencía con marca persoal, 48.69 que é a mellor marca galega do ano. Pola súa banda o céltico David Gómez mellorou tamén a súa marca da tempada gañando os 110 metros valos con 14.78. Outros homes que renderon a un bo nivel foron Carlos Moro nos 400 metros valos sendo segundo con 53.91, Antonio Molina terceiro en altura con 1.95 e Luis Nogueira en xavelina con 59.57. No martelo primeiro e segundo posto para Nuno Miguel Martins con 58.91 e Carlos Revuelta con 55.29. Nos 3000 metros obstáculos a punto estivo Juan Antonio Pousa de lograr a súa mellor marca, venceu con 9.16.17 sendo segundo Gilberto Alvarez con 9.21.51. O ADAS lograría a vitoria e o ascenso á máxima categoría do atletismo nacional e o Real Club Celta sería séptimo.
As mulleres do Ourense Academia Postal desprazáronse a Eibar para disputar o seu encontro de Primeira División, logrando o cuarto posto. Lorena Luaces dáballe a vitoria ao equipo Ourensano na proba de 5 quilómetros marcha cun tempo de 23.02.42, que é marca da tempada. En salto de lonxitude Leticia Gil lograba un bo salto de 5.60 con vento ilegal pero que lle permitiron conseguir o segundo posto. Alba Fernández nos 400 valos con 1.05.68 lograba ser terceira ao igual que Lorena Guitian en salto de altura con 1.55. Na proba de 1500 metros lisos correuse a un ritmo lento no que as tres primeiras atletas chegaron moi igualadas, Leticia Fernández foi terceira con 4.49.12. Por último destacamos a mellor marca persoal en 100 valos de Antia Martínez con 15.32, foi cuarta. Os outros dous equipos femininos en primeira división, o Lucus e o Atletismo Celta enfrontáronse en Burgos, producíndose co descenso do equipo lucense a peor noticia da xornada. Non obstante algunha das súas integrantes renderon a un nivel excepcional como é o caso de Paula Ferreirós que lograba a vitoria nos 400 m.l cuns sensacionais 56.98, nesta mesma proba Laura García era terceira con 58.13. No lanzamento de martelo Sara Arosa logrou o primeiro posto cun mellor lanzamento de 50.54, Esther Navarrete vencía nos 3000 m.l con 10.03.09, Paula Mariño os 1500 metros lisos e Ana Izquierdo o disco con 38.12. O terceiro posto o lograrían Marta Lolo en triplo salto con mellor marca da tempada 11.89, Elena Estevez en peso con 11.16, Desiree Rodríguez en pértega con 2.80, Nazaret Sinde en 100 m.l con 12.81 e Enma Valencia nos 100 valos con 16.03. Por último destacamos o segundo posto de Alicia Merino en lonxitude con 5.32.
Os homes do Club Atletismo Afflelou Narón lograban a quinta praza no seu encontro de Primeira División celebrado en Eibar. As vitorias corresponderon a Samuel Paz en 400 metros valos con 54.29 e a Mauro Triana nos 200 metros lisos con 22.28. Bo rexistro de Rodrigo Avellaneda nos 100 metros lisos nos que foi segundo con 10.85, mesmo posto que Fran Diaz nos 800 metros. En salto de altura Miguel Pérez con 1.85 foi terceiro e Sergio Piñón con 9.36.89 lograba nos 3000 metros obstáculos o cuarto posto e a súa mellor marca da tempada.
En Alcorcón a Sociedad Gimnástica de Pontevedra lograba o ascenso a primeira división ao ser segundas por detrás do Cajacanarias. Os mellores resultados das pontevedresas viñeron especialmente nas probas de lanzamentos onde lograron as vitorias Maria José Sanromán en disco, Angeles Filgueiras en xavelina e Irimia Mollinedo en martelo. Laura Chapela igualaba nos 100 metros lisos a súa mellor marca da tempada con 12.66 sendo segunda, ao igual que Sandra Carballo nos 100 valos con 15.54. En salto de lonxitude Paula Martin lograba un mellor salto de 5.17 que lle daban o terceiro posto.
Conclúe así o Campionato de España de Clubs 2012 cun papel destacado dos homes do ADAS que se converten no terceiro equipo galego en División de Honra
Dende a FGA queremos expresarlle a nosa felicitación aos Clubes, adestradores, atletas e a todas as persoas e entidades polo éxito alcanzado

Compartir: