Manuel Hurtado e Agueda Blanco vencedores na Coruña 21

Máis de 800 atletas situábanse na saída da cuarta edición da Media Maratón Coruña 21 con saída e chegada no Cantón Grande. A entrega de dorsais realizouse os días previos na Casa da Auga recolléndose os últimos nos Xardíns de Mendez Nuñez o día da proba a partir das 8.30 da mañá. Os clubs da cidade quixeron apoiar esta carreira coa súa presenza como voluntarios ou participando nela. Na edición do ano pasado os vencedores foron Manuel Hurtado cun tempo de 1.07.59 e Yolanda Gutierrez cun rexistro de 1.19.51. O atleta do Ourense Academia Postal volvía a situarse entre os favoritos para a vitoria na mañá de hoxe, pola súa banda Yolanda con problemas físicos renunciou a participar tras dúas vitorias consecutivas nesta proba.
Ás 10 da mañá dábase a saída, co ceo cuberto, pouco vento e algo de humidade, en dirección á Praza de Ourense para iniciar a primeira das tres voltas que terían que realizar os atletas. Dende os primeiros quilómetros catro homes destacábanse dos seus rivais:
Pedro Nimo, Manuel Hurtado, Akka Essadaoui e o asturiano Enedino García, por detrás un home que realizaría toda a proba en solitario Jesús de la Fuente que xa tiña acreditado nesta distancia unha marca de 1.05.35. Entre as mulleres a primeira en marcar o ritmo da proba e encabezar a mesma seria a atleta do Comesaña Sporting Club, Mª Carmen Penas seguida de Agueda Blanco a certa distancia. No quilometro 8 continua o cuarteto de cabeza no que Akka Esaadaoui e Pedro Nimo marcan o ritmo, Jesús de la Fuente continua na quinta posición correndo en solitario, por detrás Roberto González seguido de Rubén Castro que logrou descolgar a Manuel Oliver Pérez. En canto ás mulleres no quilometro 12, Mª Carmen Penas marcaba un ritmo de catro minutos o quilómetro, Agueda Blanco íalle recortando a vantaxe e por detrás tiñamos María Hurtado.
A situación máis comprometida para os atletas pasábana na estrada do Porto que os levaba a xirar na rotonda de San Diego debido ao lixeiro vento e á fina chuvia que os acompañou nalgúns quilómetros.
No quilómetro 15 aproximadamente,
Manuel Hurtado e Akka Esaadaoui incrementan o ritmo descolgando a Pedro Nimo e Enedino García, que acreditaba unha marca de 1.08.31. Os dous primeiros continuaban a un ritmo de 3.10 o quilómetro, por detrás continuaba Jesús de la Fuente e boa carreira para Rubén Castro que lograba alcanzar ao dorsal 326, Roberto González. En mulleres a distancia entre Mª Carmen Penas e Agueda Blanco vaise recortando, en terceira posición continua a atleta do Ourense Academia Postal, Maria Hurtado.
Na última volta de regreso á zona dos Cantóns os primeiros comezan a dobrar atletas, o percorrido lévalles cara a Porta Real onde nos últimos 500 metros
Manuel Hurtado e Akka Essadaoui se disputarán a vitoria, finalmente e por segundo ano consecutivo Manuel Hurtado vencería cun forte cambio de ritmo final cunha marca de 1.06.46, seguido de Akka Essadaoui con 1.06.52 e terceiro Pedro Nimo, que nos últimos quilómetros foi tirando do atleta do Club Oriente Atletismo, Enedino García que lograría mellorar a súa marca persoal, entrando cuarto cun tempo de 1.07.11. O tercer atleta galego en cruzar a meta sería Jesús de la Fuente en 1.09.48 seguido de Ruben Castro. En mulleres finalmente Águeda Blanco daría alcance a Mª Carmen Penas vencendo na proba cun tempo de 1.25.19, a terceira atleta seria María Hurtado cun rexistro de 1.27.55, cuarta Sonia Teijeiro atleta veterana e quinta Susana Ballester da mesma categoría.
Unha nova edición da media maratón Coruña 21 con boa participación e un bo rexistro en categoría masculina para Manuel Hurtado que melloraba a marca obtida no ano 2011. Resultados

Compartir: