DIVISIÓN DE HONRA: Os nosos equipos de división de honra desprazáronse a
Aranjuez, Zaragoza e Andujar para disputar o segundo encontro da Liga de Clubs. As rapazas do Ria Ferrol competían en Aranjuez contra o A.D Maratón, C.A Valladolid e o A.A Catalunya, o club galego
competiu con algunhas baixas importantes ao coincidir co Campionato Galego Cadete. Non obstante atletas importantes como Ana Peleteiro lograron a vitoria na súa proba, o triplo salto, nun único
intento de 12.81. Sensacional a carreira de Lidia Casal nos 200 m.l nos que se impuxo con 25.02 que é a mellor marca galega da tempada. Nos 400 m.l, Esperanza Caldas e Candela Diaz foron segunda e
cuarta con 58.48 e 59.95. En lanzamento de xavelina destacamos o segundo e terceiro posto de Lidia Parada e de Ana Alexandra Pereira, Lidia competiu tamén na proba de lanzamento de peso sendo
quinta. En canto aos relevos, o 4 x 100 foi descualificado e no 4 x 400 as atletas do Ria Ferrol foron terceiras cun tempo de 4.12.26, o cuarteto integrábano Lidia Casal, Candela Diaz, Esperanza
Caldas e Eva Fernández. Ao finalizar o encontro o equipo clasificouse en terceiro lugar resultando vencedor o Club A.A Catalunya.
A Sociedade Gimnástica de Pontevedra foi terceira no encontro celebrado o sábado en Zaragoza, a pesar diso a boa noticia conseguiuna Victor Gallego ao bater o record de lanzamento de peso con
17.36, sendo o primeiro atleta galego que supera os 17 metros nun concurso no que en tres dos catro lanzamentos superou esa barreira. No lanzamento de disco foi cuarto con 52.22. No sector de
lanzamentos bos resultados dos atletas galegos xa que Gustavo Dacal vencía en xavelina con 70.52 logrados no seu primeiro lanzamento e David Rocha foi terceiro en martelo con 51.07. Outro atleta
que rendeu a un bo nivel a pesar das condicións metereolóxiicas foi Jean Marie Okutu que foi primeiro en salto de lonxitude con 7.64 e segundo nos 100 m.l con 10.63 (+4.2). Santiago Ferrer logrou
en salto con pértega a mellor marca galega da tempada con 4.50, sendo cuarto no concurso. Nos 3000 m.l Carlos Villamor realizou unha boa carreira, correndo en 8.32.16 o que lle permitiu cruzar a
meta en terceiro lugar. Boa actuación dos relevistas, que lograron a segunda posición tanto no 4 x 100 con 43.67 como no 4 x 400 con 3.19.48.
Ata Andujar desprazáronse os atletas do Ourense Academia Postal para disputar o seu encontro. O mellor resultado lográbao José Alfonso Palomanes que vencía en triplo salto con 15.49 (+3.1), este
mesmo atleta en lonxitude foi sexto con 6.91. Manuel Uriz foi segundo en lanzamento de xavelina, lonxe da súa mellor marca, fixo 60.62, na mesma proba Jorge Prada foi cuarto con 54.82. Preto da súa
mellor marca da tempada quedouse na proba de 5 km marcha Francisco Durán que foi terceiro con 22.12.55, o seu compañeiro José Fernández con 23.08.72 foi quinto. Javier Fidalgo nos 110 metros valos
foi quinto logrando unha marca similar á realizada en Ourense no primeiro encontro, nesta ocasión parou o cronometro en 15.20. Nos 1500 m.l comprobamos a recuperación de Victor Rioboo que nas filas
do Club Cab. Porto de Alicante foi segundo nunha carreira táctica. Os dous equipos de relevos foron terceiros o que non serviu para eludir a última posición do cuadrangular Resultados