XXXV Memorial Gregorio Pérez Rivera

A Delegación de Lugo da Federación Galega de Atletismo, co patrocinio do Excelentísimo Concello de Lugo celebrou en xornada de tarde o XXXV Memorial Gregorio Pérez Rivera que como acostuma dende hai anos, contou con numerosa participación de atletas locais e de diferentes Clubs Galegos. O protagonismo inicial recaía sobre os atletas de lanzamentos con homes importantes do atletismo galego como son José Manuel Vila e Isaac Vicente. Resultados (Ir a noticia completa)

A xornada iniciouse coas probas de velocidade nas que destacamos o atleta Pablo Pereira que logrou as mellores marcas tanto na proba de 100 m.l con 11.37 coma nos 200 m.l con 22.71. Na proba curta de velocidade, a segunda serie gañouna o atleta do Club Riazor Coruña, medallista no Campionato de España Cadete de pista cuberta, Francisco Rodríguez cun tempo de 11.67, o que supón mínima para o Campionato de España que se celebrará o 30 de xuño en Xátiva (Valencia). Na proba feminina do hectómetro non houbo tempos destacados pero si unha ampla participación de atletas, realizándose tres series, sendo a terceira integramente formada por atletas da categoría cadete. Nos 200 m.l femininos vencería unha das mulleres que actualmente está a demostrar un mellor estado de forma en varias disciplinas, a lucense Paula Ferreiros, que ademais da vitoria con 26.62 lograría unha excepcional marca en salto de altura con 1.75. Paula aproxímase ao record de María Romero que está situado en 1.79 e foi logrado no ano 1999 en Valencia. Na proba masculina de salto de altura bo nivel co atleta Miguel Pérez, que vencía tamén na proba de 400 valos e a súa serie de 200 m.l, saltando 1.93 no seu primeiro intento, mellor marca galega da tempada para o atleta xuvenil do Lucus. Outro atleta do mesmo Club e mesma categoría, Pablo Modia gañaba con 6.39 o salto de lonxitude, recordemos que este novo atleta en pista cuberta chegou a saltar 6.58. Carlos Moro adxudicábase a victoría na primeira das series de 400 valos cun rexistro de 56.30 e na proba feminina a gañadora sería con 1.10.72 Laura Rio.
Nas probas de medio fondo e fondo destacamos a chegada en solitario a meta nos 1500 m.l de Manuel Hurtado, con 4.05.83, nunha proba cun importante número de atletas. Non obstante o protagonismo neste sector foi para Carlos Villamor da Sociedad Gimnástica de Pontevedra que nos 5000 m.l vencía con autoridade cunha marca de 14.41.61. Nas probas femininas vencerían nos 1500 m.l Raquel Cabanas e nos 5000 m.l Nerea Ruanova do Club Olimpico de Vedra.
Jose Manuel Vila converteuse no protagonista da xornada nesta edición do Memorial Gregorio Pérez Rivera ao lograr un lanzamento, na proba de xavalina, de 70.96 no seu último intento. José Manuel, en febreiro deste ano nun control celebrado no Centro de Alto Rendemento de León lanzaba 70.41, co cal mellora o seu rexistro da tempada nunha das primeiras probas nas que competía. Isaac Vicente, gañaba con autoridade o lanzamento de martelo cun rexistro de 64.83. No disco masculino gañaría Adrián Estevez con 40.43, atleta do Club San Narciso. En mulleres na proba de martelo unha única participante, Rocio Arrojo que lanzou 32.60 e no disco gañaría a atleta do Cub F.C Barcelona Sabina Asenjo con 52.25
Unha edición máis do Memorial Gregorio Pérez Rivera con ampla participación de atletas galegos que pouco a pouco van tomando contacto coas probas de pista ao aire libre

Compartir: