Por primeira vez na historia a Pista de Calabagueiros no Barco (Ourense) acollía o Campionato Galego de Clubs. En total 15 equipos, 7 na proba masculina e 8 na feminina. A priori un Campionato igualado no que os equipos do Ourense masculino e o Ria Ferrol Femenino competían para revalidar os títulos logrados o ano pasado nas pistas Josefina Salgado de Ourense. Recordamos que actualmente os equipos masculinos da Sociedade Ximnástica de Pontevedra e o Ourense Academia Postal forman parte, xunto co equipo feminino do Ria Ferrol, da División de Honra do Atletismo Nacional. Pola súa banda en primeira división compiten os equipos femininos do Ourense Academia Postal, Atletismo Feminino Celta, Atletismo Lucus e os equipos masculinos do ADAOR e o Real Club Celta de Vigo. (Ir a noticia completa) Resultados FOTOS
En xornada de mañá e tarde celebráronse as probas cunha climatoloxía
cambiante, sen demasiado vento pero con chuvascos ocasionais. Os mellores atletas galegos encontrábanse no Barco para disputar o Campionato Galego ou nalgúns casos competindo fora de concurso.
Os protagonistas do Campionato serían os atletas do Ourense Academia Postal ao
lograr os dous títulos, en categoría masculina e en feminina, neste caso vencendo ao Ria Ferrol a priori favorito
Nas probas de velocidade víronse carreiras interesantes, nos 100 m.l da serie A corrian David Alejandro Castro que tiña acreditada unha mellor marca de 10.69 e Rodrigo Avellaneda, finalmente venceu o primeiro con 11.01 seguido de Rodrigo Avellaneda con 11.13, que corría
esta proba fóra de concurso. Nos 200 m.l o duelo esperado era entre o mesmo atleta, Rodrigo Avellaneda pero nesta ocasión contra o atleta da Sociedade Gimnástica de Pontevedra Jean Marie Okutu,
vencería Rodrigo cunha marca de 22.16. Nos 400 m.l houbo unha boa carreira na que Eduardo Suarez correría en 49.92 sendo segundo cun bo rexistro Enrique Prego con 50.04. Nas probas das mulleres
tamén se viron marcas destacadas nas probas de 100, 200 e 400 m.l. Patricia Carballo converteuse en protagonista ao vencer os 100 m.l con 12.57 e correr fóra de concurso os 200 m.l nos que con
25.71 lograba un novo record galego xuvenil, record do ano 1978 que estaba en posesión de Maria José Martinez Patiño. Non obstante non foi a máis rápida neste Campionato xa que Lidia Casal do Ria
Ferrol venceu con 25.50. Interesantes as marcas dos 400 m.l femininos en especial a da atleta do Atletismo Lucus Paula Ferreiros que fixo 57.33 seguida de Esperanza Caldas con 58.63 e Yuliana
Velásquez tamén por debaixo dos 59 segundos, fixo 58.95.
Nos 800 m.l masculinos axustada vitoria de Ismael Costas que o ano pasado corría en 1.50 e que nesta ocasión se impoñía nunha carreira táctica a Manuel Rodríguez e Manuel Nuño. Nos 1500 a vitoria
foi sen discusión para o atleta Abdelkabir Zaroul máis disputada estivo a segunda praza entre o atleta júnior Carlos Porto, Eduardo González e Roberto Geralavicius. Nos 3000 m.l dous homes
importantes do noso atletismo, o polivalente Hassan Lekhili e Gustavo Nieves, vencendo o atleta marroquí cun tempo de 8.33.48. Nos obstáculos a vitoria a favor de Álvaro de La Fuente decidiuse nos
últimos metros xa que Gilberto Álvarez e Nicolás Arrojo pelexaron con él pola vitoria final. En mulleres as dúas atletas da categoría promesa do Ourense Academia Postal Iría Castro e Leticia
Fernández lograron vitorias destacadas nas probas de 800 m.l e 1500 m.l respectivamente. Nos 3000 m.l seria Esther Navarrete quen lle daría a vitoria ao seu Club o Atletismo Feminino Celta. Nos
3000 obstáculos vencería unha atleta á que estamos afeitos a ver en probas de ruta, Raquel Suárez con 11.10.67.
Na proba curta de valos en homes gañaba o atleta da Sociedade Ximnástica de Pontevedra Julián Ortiz con 14.81 e en mulleres Antia Martínez con 15.71, nesta mesma proba pero fóra de concurso a
atleta cadete do Ria Ferrol Claudia Rojo lograría unha marca de 15.72. Nos 400 m.v destacamos aos dous primeiros atletas da proba masculina, Samuel Paz con 52.39 e Ignacio Sarmiento con 53.14, en
mulleres Alba Fernández impoñeríase con claridade cun rexistro de 1.07.57.
Esperada era a proba dos 5 quilómetros marcha mulleres xa que na pista se atoparían atletas importantes como a novísima Mar Chillón ou Rocío Carbia, a vitoria seria para Rocio cun tempo de
25.09.55, seguida de Sandra Yerga do Ría Ferrol con 25.12.40 e terceiro Mar Chillón con 25.12.58. En homes o atleta do ADAOR, Noe Redondo non tivo rivais gañando con 23.34.44 e en segundo lugar
entraría Anxo Menduiña.
O atleta do Ourense Academia Postal Alfonso Palomares lograba dúas vitorías, en lonxitude con 6.88 e en triplo salto con 14.71, nesta proba realizando un único salto. En mulleres a proba de
lonxitude foi máis disputada xa que entre as participantes se encontraba Iría Forjan e Leticia Gil, as dúas mellores saltadoras na tempada de inverno, a vitoría cun salto de 5.48 foi para Leticia,
sendo segunda cun bo rexistro Alicia Merino con 5.20, Iría Forjan foi cuarta. En triplo salto vitoria de Marta Lolo por diante da atleta cadete Gracia Rei, Marta logrou un mellor salto de 11.74.
Beatriz Viteri impoñeríase na pértega feminina con 3.25. En altura masculina dous homes franqueando o listón en 1.90 Iván Valle e José Espina.
Nos lanzamentos masculinos o protagonista indiscutible foi Víctor Gallego que comeza a tempada de aire libre como finalizou a de pista cuberta, cun novo record galego, nesta ocasión lanzou 16.63,
para a continuación impoñerse tamén na proba de disco con 51.77 nun único lanzamento. En xabalina o duelo Uriz-Dacal decantouse polo lado do atleta do Ourense Academia Postal que lograba lanzar
66.79 mentres que Gustavo Dacal lograba 65.66. En martelo vencería Nuno Martins do Real Club Celta con 59.54. En mulleres Lidia Parada non deu opción aos seus rivais gañando a proba de xabalina con
46.13, o peso gañábao Elena Estévez con 11.02, o disco Lidia Fernández con 37.42 e o martelo Sara Arosa con 46.42
Por último celebraríanse as probas de relevos nos que os gañadores foron nos 4 x 100 a Sociedade Gimnástica de Pontevedra en rapaces e o Atletismo Lucus en mulleres mentres que no relevo longo, 4
x400 venceron os dous equipos do Ourense Academia Postal.
En resumo, o Ourense Academia Postal en homes revalida o titulo logrado o ano pasado e en mulleres desbanca o Ria Ferrol. En breve estes equipos iniciarán as suas fases da Liga Nacional