Galicia acada 8 medallas no Campeonato España Cadete: 1 ouro, 3 pratas e 4 bronces

LigazónGalicia acada 8 medallas no Campeonato España Cadete: 1 ouro para Iria Forjan en lonxitude, 3 pratas para Gracia Rey en triple, Uxía Pérez nos 3.000 m.l. e Ángela González no 600 m.l. e 4 bronces para Francisco Rodríguez nos 60 m.l., Tariku Novales nos 3000 ml., Saleta Fernández en altura e Claudia Rojo no pentatlón. . Resultados (ir a noticia ampliada)

Na primeira xornada do Campionato de España Cadete que se está a celebrar en Oviedo os atletas galegos competiron a un excelente nivel, destacando a medalla de ouro de Iria Forján en salto de lonxitude cun salto de 5.52, a atleta adestrada por Abelardo Moure o ano pasado nesta mesma pista lograba a medalla de prata. Esta tarde necesitou un só salto válido para impoñerse na final.
Na proba de 3000 m.l masculino coa participación de catro atletas galegos o mellor resultado foi para Tariku Novales que se impuxo coa súa mellor marca persoal ( 9.15.79) na primeira das series, e ao lograr o terceiro mellor tempo de todos os participantes lle valería para alzarse coa medalla de bronce. O resto de atletas galegos Ivo Maseda, Ivan Manso e Yeray Gómez tamén renderon a un nivel alto logrando os dous primeiros a súa mellor marca da tempada. Francisco Michinel, presentábase neste Campionato cunha mellor marca de 13.07 non obstante dende o primeiro lanzamento demostrou que estaba en condicións de mellorar a súa marca persoal, finalmente foi quinto con 13.88, nesta mesma proba Andres García foi noveno con 12.79.
Na proba de 600 m.l seis atletas galegos disputaron unhas duras semifinais, especialmente na proba feminina na que só a primeira de cada serie e dous tempos se clasificaban, Angela González con un bo tempo de 1.39.26, logrou un posto na final ao igual que Pablo Loureiro con 1.29.21. Nos 1000 m.l Laura Santos entrou terceira na súa semifinal con mellor marca da tempada 3.06.25 que lle permite acceder á final, Adrian Ben e Carla Gallo quedáronse en semifinais sendo quintos nas súas respectivas carreiras. Laura Chapela con 8,28 pasa á semifinal dos 60 m.l. ao igual que o atleta do Riazor Coruña Francisco Rodríguez que gañou a súa eliminatoria con 7.38 e Dario Costas do Club Atletismo Morrazo con 7.48.
A terceira protagonista da xornada tras Iria Forjan e Tariku Novales é Claudia Rojo que na proba de pentatlón logrou a medalla de bronce sendo os seus rexistros 9.34 (60 vallas)-1.45 (altura) -9.40 (peso)- 5.05 (lonxitude) e 1.43.61 (600 m.l).
A segunda xornada do Campionato de España Cadete de pista cuberta non defraudou en canto aos resultados dos atletas galegos, Gracia Rey, Uxia Pérez, Angela González, Saleta Fernández e Francisco Rodríguez lograron subir ao podio.

A primeira hora da mañá comezaba o concurso de triplo feminino coa participación de Gracia Rey. No ano 2010 nesta mesma pista de Oviedo era a súa compañeira de adestramentos Ana Peleteiro quen batia o record galego da categoría deixándoo en 11.46. Hoxe Gracia logrou a medalla de prata a tan só 3 centimetros dese record, a atleta da Agrupación Deportiva Barbanza saltou 11.43. A continuación vendría a altura feminina onde Saleta Fernández competía con opción de medalla, non defraudou, logrando o bronce con 1.57 a tres centímetros da prata e o ouro. Na altura masculina competiu Dario Costas que foi oitavo con 1.65 e lograba tamén o pase á final dos 60 m.l.

Nos 600 m.l tiñamos a dous atletas clasificados, por un lado Pablo Loureiro e por outro Angela González. A atleta do Comesaña soamente se viu superada por Miriam Costa do Club Atletismo Alcorcón que venceu con 1.38.88, Angela lograría a medalla de prata cunha excelente marca 1.39.12. En categoría masculina a clasificación para a final foi complicada e non o foi menos a final, con tres atletas pelexando ata o último metro polas medallas de prata e de bronce. Finalmente Pablo cunha marca de 1.32.69 sería cuarto a corenta centésimas da medalla.

Nas probas de fondo de novo bos resultados especialmente nos 3000 m.l onde Uxia Perez con 10.23.15 lograba a prata entrando segunda na última das series. Na primeira carreira que se gañou con 10.35.82 competiu a atleta do Club Elite Noia Carmen Martinez que logrou o posto oitavo nesa carreira. Uxia estableceu así a súa mellor marca da tempada e só foi superada por Judit Perez que fixo 10.10.53.

Nos 60 metros lisos masculinos dous atletas galegos lograron avanzar ata a final. O mellor resultado foi para Francisco Rodríguez que conseguiu a medalla de bronce con 7.36, Dario Costas foi oitavo. O atleta do Club Riazor Coruña realizou ao longo do Campionato tres carreiras moi regulares, correndo a eliminatoria en 7.38, a semifinal en 7.40 e a final en 7.36. Pola súa banda Dario logrou a mellor marca nas eliminatorias na que gañou a súa serie con 7.46.

Por último Laura Santos correu a final de 1000 m.l tras clasificarse o sábado logrando a súa mellor marca 3.06, na final só puido ser oitava cun tempo de 3.11.31 nunha proba rápida gañada por Celia Antón con 2.59.15.

En resumo 8 medallas para os atletas galegos neste Campionato de España Cadete, moi bos resultados nas probas de fondo cos nosos atletas nos primeiros postos, medallas nos concursos de lonxitude, triplo e altura, dous atletas na final do 60 m.l masculino e Claudia Rojo entre as mellores atletas nacionais en pentatlón.

Compartir: