Resultados

Galicia campiona de España de Campo a Través por autonomías, cadete masculina! Carmela Cardama bronce en categoría xuvenil feminina! e Solange Pereira Campiona de España Universitaria

O circuíto de La Torre de Hércules acolleu unha vez máis un Campionato de España de Campo a Través, nin o vento que soprou ao longo da xornada nin a dureza do circuíto con continuos desniveis nos impediron gozar dun Campionato de gran nivel, con actuacións destacadas dalgúns dos membros da expedición galega. O circuíto que no ano 2010 proclamou a Rosa Morató e Alemayehu Bezabeh campións de España, albergaba nesta ocasión o Campionato de España de Campo a Través en idade escolar e universitario. A Coruña tomaba así o relevo como sede da organización deste Campionato, con carreiras para as categorías cadete, xuvenil, universitarios e deportistas con discapacidade intelectual, ao celebrado o ano pasado no Centro de Deportes La Morgal en Llanera (Asturias). Resultados FOTOS

O circuíto de La Torre de Hércules acolleu unha vez máis un Campionato de España de Campo a Través, nin o vento que soprou ao longo da xornada nin a dureza do circuíto con continuos desniveis nos impediron gozar dun Campionato de gran nivel, con actuacións destacadas dalgúns dos membros da expedición galega. O circuíto que no ano 2010 proclamou a Rosa Morató e Alemayehu Bezabeh campións de España, albergaba nesta ocasión o Campionato de España de Campo a Través en idade escolar e universitario. A Coruña tomaba así o relevo como sede da organización deste Campionato, con carreiras para as categorías cadete, xuvenil, universitarios e deportistas con discapacidade intelectual, ao celebrado o ano pasado no Centro de Deportes La Morgal en Llanera (Asturias).
A primeira proba en celebrarse foi a carreira cadete feminina na que as atletas terían que percorrer unha distancia de 4 km. Dende os primeiros metros duas participantes tomaron distancia co grupo perseguidor, a catalá Najwa Chouati e a súa compañeira de selección Judit Pérez, por detrás un conxunto de atletas entre as que se encontraba a galega Uxia Pérez acompañada de atletas destacadas como Celia Antón ,vencedora o ano pasado, a andaluza María del Mar Casillas ou Alexia Hartman marchadora ibicenca que se proclamou en Pontevedra Campiona de España Cadete en 5 km marcha. No terceiro km era Celia Antón quen marcaba o ritmo seguido exclusivamente por Najwa Chouati, por detrás en solitario Maria del Mar Casillas reservaba forzas para poder pelexar por subir ao podio xa que por detrás se lle aproximaban varias atletas entre elas Uxia que continuaba realizando unha excepcional carreira. Finalmente Celia Antón revalidaría o seu título sendo Uxia cuarta a tan só 5 segundos do bronce, a seguinte atleta galega en cruzar a meta sería Carmen Martínez no posto décimocuarto. O titulo por equipos sería para a selección de Castela León logrando as galegas a sexta posición. A deportista galega Sonia García competiu na proba de Discapacitados Intelectuais.
Expectación na proba cadete masculina xa que Galicia presentaba un equipo de calidade entre eles tres atletas que en Mariña d,Or lograron este ano o bronce no Campionato de España de Clubs, co Colexio Franciscanos de Lugo, Miguel González ouro nesa proba, Ivo Maseda e Ivan Manso. No primeiro km os atletas galegos comandaban ésta ocupando os tres primeiros postos Tariku Novales, Adrian Ben e Miguel González, as seleccións de Andalucía e de Asturias tamén colocaban varios dos seus atletas no grupo de cabeza. No ecuador da proba os asturianos Gerardo Casas e Youssef Benkert tiraban do grupo xunto con Tariku Novales, non obstante continuaban sendo un grupo de aproximadamente 15 atletas. Na última volta tras xirar nos Menhires o grupo ía perdendo membros mentres os galegos continuaban pelexando por mellorar os seus postos. Finalmente o vencedor da carreira foi Benamar Djellal sendo o primeiro galego Miguel González que entraría sexto. O esforzo de todos os integrantes da selección galega obtivo o seu premio quedando Campións de España da categoría Cadete con actuacións destacadas ademais do xa citado Miguel González, de Adrian Ben, Tariku Novales ou Brais Gomez que entraron entre os 20 primeiros clasificados. Nesta mesma proba participaron na categoría de Discapacitados Alvaro Otero, Francisco Perez e Hugo Rodríguez
Ás 12.10 estaba programada a saída para a proba xuvenil feminina que terían que percorrer 4500 metros. Sen dúbida ningunha foi nesta proba onde Galicia tivo un papel destacado na figura da atleta Carmela Cardama medallista en Valencia no Campionato de España Xuvenil na proba de 3000 m.l. Nunha proba na que houbo unha gran participación de atletas foi o número 76, Diana Do Ser, que formaba parte da selección de Castela e León quen no km dous se distanciaría das suas rivais para xa non abandonar esa primeira posición en toda a proba. Decidido xa ese primeiro posto a emoción estaba no seguinte grupo formado por sete atletas entre elas Carmela Cardama acompañada de Dunia Mahassin, bronce o ano pasado, e dúas atletas madrileñas, Yael Martinez e Paula Gil. A atleta galega soubo dosificar en todo momento e foi recortando metros ás atletas que ían por diante, finalmente Carmela lograría un importante terceiro posto pelexando ata o último metro, que lle abre as portas do Mundial. Por detrás a seguinte galega sería Sandra Rodríguez e a nosa marchadora, medallista nacional Mar Chillón.
Os homes da proba xuvenil masculina enfrontábanse a unha distancia de 6000 metros nun circuíto esixente, un grupo compacto de aproximadamente 40 atletas percorren xuntos os dous primeiros quilómetros. Un ambicioso Miguel Otero marca o ritmo en momentos da proba, ao seu lado atento aos cambios de ritmo un dos favoritos Raul Celada e o seu compañeiro de selección Daniel Martínez. No grupo de cabeza tamén se encontra o galego Tomás Ocaña. Non obstante o ritmo ía en ascenso e os nosos atletas foron cedendo. Finalmente o vencedor da proba sería Hamid Ben. Por seleccións gañaría Castela e León sendo os galegos novenos co posto 32 de Miguel Otero como o mellor en liña de meta.
Nas dúas probas do Campionato de España Universitario houbo unha boa participación con atletas importantes do fondo nacional. En categoría feminina houbo unha clara protagonista, Solange Pereira que tras lograr este inverno dúas medallas en Campionatos de España de pista cuberta, o titulo de Campiona Galega de Cross no Circuíto do Monte do Gozo en Santiago engadiu un novo titulo á súa incontestable tempada. O ano pasado Solange neste mesmo campionato só veríase sorprendida por Irene Alfonso, non obstante nesta ocasión xa no segundo quilómetro distanciábase xunto con Estefanía Tobal do resto das participantes. A compañía da atleta da Universidade de Salamanca era perigosa xa que Estefanía neste mesmo circuíto se proclamara Campiona de España Júnior no ano 2010. Aproximadamente no km 3 Solange decide cambiar de ritmo descolgando a sua rival, por detrás a atleta galega Esther Navarrete ía remontando posicións. En liña de meta a vencedora final seria Solange cun tempo de 20.58, seguida de Estefanía Tobal e Nuria Lugueros. A Universidade de Salamanca proclamaríase Campiona de España. Entre as galegas destacamos tamén a participación ademais de Esther Navarrete, que entrou no posto décimo sétimo, a de Iria Castro.
Na proba masculina de novo un galego pelexando entre os primeiros postos no Circuíto de La Torre de Hércules, Manuel Hurtado, atleta con resultados importantes especialmente en probas de asfalto. No transcurso dos 12 quilómetros houbo un atleta destacado, o leonés Roberto Alaiz, bronce no Campionato de España de Campo a Través por clubs. Non obstante durante os primeiros dous km era un grupo de 20 atletas os que se distanciaban dos demais, transcorren os minutos e van perdendo unidades, as diferenzas entre uns e outros empezan a ser importantes. Roberto Alaiz sobe o ritmo para levarse consigo soamente a Daniel Pérez da Universidade de Málaga, segundo o ano pasado. Por detrás deles Manuel Hurtado e un dos irmáns Lozano, Alberto, manteñen unha dura pugna por non ceder metros. A falta de 500, cando enfilan a costa abaixo cara á meta Roberto Alaiz xa conseguiu descolgar a Daniel Pérez que sería segundo e terceiro remontando, seria Guillermo Durán. Excelente carreira de Manuel Hurtado quinto nesta proba de campo a través, e tamén boa actuación dos atletas galegos da categoría promesa Fran Díaz e Santiago García.
O Circuíto de La Torre de Hércules de novo volveu estar á altura dun acontecemento deportivo importante no calendario atlético nacional e Galicia demostra con resultados destacados como o bronce de Carmela Cardama e o ouro da Selección Galega cadete masculina que seguimos sendo unha Comunidade importante a nivel nacional en Campo a Través.

Compartir: