II Campionato de España de inverno de Lanzamentos longos.

Os mellores especialistas de lanzamentos longos participarán este sábado no II Campionato de España de inverno, no que ademais das medallas buscarán unha praza coa selección española para a Copa europea de lanzamentos que se disputa en Bar (Montenegro) os días 17 e 18.
Entre os inscritos, varios representantes do atletismo galego, con opcións a podio. As probas nas que achegamos maior cantidade e calidade son, como é habitual, o martelo e a xavelina masculinos.
Os discípulos de José Manuel Hermida acoden novamente a esta convocatoria. Isaac Vicente buscará superar os case 68 m da pasada edición, e que foron o preludio dunha tempada que culminou superando a barreira dos 70 m e proclamándose campión de España. O seu compañeiro de filas, Pablo Denís, en bo estado de forma, figura coa terceira mellor marca dos inscritos. Outro vigués, aínda que con ficha por Castela-León, Cristóbal Almudí, tomará parte neste concurso. En martelo estará a única representante feminina galega. A céltico Sara Arosa estréase nesta competición, buscando mellorar a súa marca. Comparte proba coas dúas atletas que están chamadas a protagonizar o duelo máis interesante, Berta Castells e Laura Redondo.
A metade dos lanzadores de xavelina chegarán dende Galicia. Forman parte da elite nacional e pelexarán por marcas e postos. Gustavo Dacal, José Manuel Vila, os discípulos de Raimundo Fernández, Manuel Uriz e Borja Barbeito, dúbida por lesión, aos que hai que sumar ao mexicano Jose Lagunes e o canario Jesus Crossa que comparten adestramento con Gustavo Dacal en Pontevedra, baixo a dirección técnica de Javier López Viñas.
En lanzamento de disco un único representante, Víctor Gallego, inscrito coa segunda mellor marca e con opcións de medalla. O atleta da Ximnástica de Pontevedra retoma a súa especialidade tras bater o récord galego de peso baixo teito. Mais información

Compartir: