Resultados

Monumental de Lugo

As rúas de Lugo acollerán o domingo 20 a oitava edición da Carreira Solidaria Lugo Monumental. A proba foi presentada este venres na casa consistorial de Lugo polo concelleiro de Deportes, José Manuel Díaz Grandío; o director en Galicia da aseguradora Divina Pastora, Javier de Iabra; a responsable de Unicef en Lugo, Miriam Garabito, e o director de publicidade do Progreso, Luís Barrio. A carreira, que sempre se celebra o domingo anterior aos Nadais, cumpre a súa oitava edición e consolídase como unha das carreiras que os participantes máis valoran no ranking galego.
Os máis pequenos serán os que abran a proba ás 11.00 horas. Arrincarán as categorías máis novas para continuar cos atletas por orde de idade: a primeira proba será de 300 metros, a segunda de 600, a terceira de 1 quilómetro e a cuarta de 1 quilómetro e medio. A carreira absoluta arrincará ás 12.00 horas. Para as categorías de nenos, a proba contabilizará para o circuíto de carreiras populares Corre connosco, aínda que non para os participantes adultos.
Logo da participación rexistrada o ano pasado, esta vez espérase un número igual ou maior de participantes que combatan o frío na capital chegados de diferentes puntos da provincia e do resto de Galicia. Tempada tras tempada, esta carreira ve como se incrementan o número de corredores que se animan a dar unha volta por Lugo para baixar do trono a Gustavo Pratas e María Abel, os dous lucenses que o ano pasado proclamáronse vencedores nas categorías masculina e feminina absoluta, respectivamente.
Inscrición
Todos os interesados en participar na Lugo Monumental 2009 poderán anotarse ata o mércores 16 ás 20.00 horas a través de diferentes medios. Por unha banda, terán a opción de facelo nas páxinas web www.lugo.es, www.elprogreso.es ou www.championchipnorte.com.
Ademais de electrónicamente, os atletas poderán inscribirse persoalmente nas oficinas da concellería de Deportes do Concello de Lugo, sitas na Casa do Deporte, e no Progreso, na rúa Ribadeo, número 5, á beira do parque Rosalía de Castro. Os participantes poderán recoller os dorsais e os chips na carpa que a organización instalará na Praza de Anxo Fernández Gómez o sábado 19 de decembro entre as 17.00 e as 20.30 horas e o domingo entre as 9.00 e as 10.30.

Compartir: