O Estadio Olímpico de Montjuic, en Barcelona foi o escenario de luxo onde o
técnico vigués José Manuel Hermida logrou no pasado Campionato de España Absoluto, por medio do martillista Isaac Vicente, clasificado en segundo lugar, a medalla número cen en Campionatos de
España en diferentes categorías, da súa dilatada carreira deportiva como adestrador.
Cun extenso labor de case trinta anos como técnico, Hermida é un referente na modalidade de lanzamentos, non só en Galicia, senón a nivel nacional. Como atleta, desenvolveu a súa actividade no Real
Club Celta, do 74 ao 93, conseguindo éxitos importantes. Pero é como adestrador, labor que comezou a inicios dos oitenta como monitor e posteriormente adestrador nacional, co que se labrou un nome
propio no panorama atlético. A propia Federación Española convocoulle reiteradamente para asistir como técnico a diferentes eventos, tanto de formación, nos países do Leste pioneiros en
lanzamentos, como en calidade de oficial do equipo nacional, o último dos cales foi a Copa de Europa de Seleccións Absoluta en Leiría o pasado mes de xuño.
Deportistas da talla de José Manuel Almudí, Mª José Sanromán, Nacho Fernández, Juan Manuel Barbosa, David Fernández Lemos, Elena Estévez, Eva Costas ou Isaac Vicente son algúns dos atletas que
acumularon records e medallas baixo a súa dirección, ata chegar a ese centenar de metais que agora celebramos. E éso no que respecta a podios nacionais, xa que a nivel autonómico rolda as 400,
motivo polo cal a Federación Galega, desenvolvendo o Plan de Tecnificación atlética, encomendoulle un Núcleo de Alto rendemento, co que leva a cabo un seguimento exhaustivo dos lanzadores.
O seguinte reto é alcanzar o ouro absoluto que por agora se lle resiste, pero que a recado chegará. E o plus sería unha medalla en competición internacional. Non hai teito. Un labor metódica e
constante, a formación permanente e moita ilusión, son as súas mellores garantías