O vicepresidente da
Xunta, Anxo Quintana, e a conselleira de Cultura e Deporte, Ánxela Bugallo, visitaron hoxe as instalacións do complexo de atletismo do INEF, que foron completamente reformadas pola Consellería de
Cultura e Deporte, a través da Dirección Xeral para o Deporte, cun investimento de un millón e medio de euros.
Na visita tamén participaron o reitor da Universidade da Coruña, José María Barja; a directora xeral para o Deporte, Marta Souto; o presidente da Federación Galega de Atletismo, Isidoro Hornillos,
e representantes do INEF e do atletismo galego e da comarca, coma o atleta Andrés Díaz. Os dirixentes realizaron un percorrido pola instalación deportiva, dirixidas polo arquitecto da obra,
Santiago González, quen foi o encargado de explicar o proxecto.
Quintana salientou a importancia das obras realizadas no complexo, que supoñen ademais unha das iniciativas máis esperadas na comarca, xa que estas instalacións, ademais de para uso do INEF, tamén
son empregadas polos colexios, clubs e federacións locais da zona. Destacou que o complexo precisaba dende fai tempo unha remodelación, xa que conta con máis de vinte anos, e que foi este Goberno o
que a acometeu. A Consellería de Cultura e Deporte investiu 1,5 millóns de euros nos traballos de mellora e remodelación. ir a noticia ampliada
Actuacións
Entre as actuacións acometidas, destaca a reforma total das
pistas de atletismo, con substitución do pavimento e a renovación do equipamento deteriorado. Creouse ademais un módulo de atletismo cuberto cunha recta homologada de cincuenta metros lisos, dotado
de diversos servizos, como aseos ou almacén. Habilitouse tamén un módulo de bancadas para os espectadores e procedeuse á construción dun campo de fútbol de herba natural, dotado de modernos
sistemas de drenaxe e rego.
Acometeuse tamén o alumeado das pistas de atletismo e do terreo de xogo, mediante a colocación de seis torres de dezaoito metros de altura. Realizáronse ademais labores de acondicionamento do peche
perimetral do recinto cun manto vexetal.
Tanto Quintana coma Bugallo indicaron que o obxectivo é avanzar nesta liña de traballo para optimizar ao máximo estas instalacións de Bastiagueiro. Por iso, tras o remate destes traballos, en breve
comezarán as obras da segunda fase, que consistirán na creación dunha zona para lanzamentos. A Consellería de Cultura xa iniciou os contactos coa Deputación da Coruña para solicitar a cesión dos
terreos e poder así comezar as obras.
Colaboración institucional
O vicepresidente destacou que esta mellora das instalacións do complexo de atletismo do INEF son un claro exemplo dos froitos da colaboración
institucional entre a Consellería de Cultura e Deporte e a Universidade de Coruña. Un proxecto de alianza que o departamento autonómico vén mantendo ademais coas demais universidades galegas e que
pasa ademais polo impulso á práctica deportiva nas tres universidades galegas, tanto no relativo á promoción de actividades como no relativo ás infraestruturas para o deporte.
Para a promoción de actividades deportivas nos campus galegos, dende 2007 a Consellería de Cultura vén canalizando axudas ás tres universidades galegas, cun incremento do 39% na súa dotación,
pasando dos 54.000 euros en 2007 aos 75.000 en 2009. E para fomentar a creación e renovación das infraestruturas deportivas nos campus universitarios, a Consellería creou unha partida específica
nesta lexislatura que non existía ata agora, cunha contía en 2009 de 1,2 millóns de euros