Saltar ao contido
Campionato de España

Atapuerca recibe aos equipos galegos no seu campionato de España

O atletismo galego terá unha destacada presenza este domingo 22 de novembro no Campionato de España de Campo a Través por Clubs, que se celebrará no circuíto do Centro de Arqueoloxía Experimental (CAREX) de Atapuerca, en Burgos. Un total de 24 equipos pertencentes a 17 clubs galegos estarán presentes nunha das grandes citas do calendario atlético estatal, na que se darán cita 448 equipos de 187 clubs e 2.319 atletas.

A representación galega abranguerá un amplo abano de categorías, desde Sub16 ata absoluta, tanto nas competicións femininas como masculinas,  volvendo situar os clubs galegos entre os protagonistas dunha modalidade que forma parte da identidade e da tradición do atletismo en Galicia.

Entre os equipos participantes figuran o Sanysec Ourense, que competirá na categoría absoluta feminina e Sub18 feminina; o Lucus Caixa Rural, con representación en Sub18 feminina e Sub10 masculina; o Atletismo Narón, en Sub16 e Sub20 masculinas; a Sociedad Gimnástica de Pontevedra, en Sub20 feminina e Sub18 masculina; e o Celta Atletismo, en Sub18 e Sub20 masculinas.

Tamén estarán presentes o Atletismo Feminino Celta, na categoría Sub23 feminina; o Comesaña Sporting Club e o ADAS CUPA, na absoluta feminina; o Atletismo Sada, na Sub18; a Atlética Lucense, A Gándara e Ferrol Atletismo, en Sub16 feminina; o Riazor Atletismo, en Sub20 feminina; o Pinarium, na absoluta masculina; o A.D. Fogar e o Vila de Vigo, en Sub16 masculina e o Atletismo O Pino, en Sub20 masculina.

Mención especial merece tamén a participación galega na modalidade de remudas mixtas, na que estarán presentes dous conxuntos de gran tradición e nivel competitivo: o Comesaña Sporting Club e a Sociedad Gimnástica de Pontevedra. A súa presenza amplía aínda máis a representación galega nunha proba que se consolidou como un dos atractivos do programa do campionato.

Galicia, unha potencia histórica no campo a través por clubs

A presenza galega en Atapuerca non é un feito illado, senón que ten detrás unha longa e brillante traxectoria no Campionato de España de Campo a Través por Clubs. Desde a celebración da primeira edición, en 1966, os equipos galegos conseguiron proclamarse campións de España en 53 ocasións, un palmarés que dá conta do peso histórico da comunidade nesta competición.

Dentro desa extraordinaria traxectoria destaca especialmente o mítico NB San Miguel de Oia, que acumulou un total de 20 títulos de España nas diferentes categorías, desde a Sub16 ata a absoluta. Séguelle o Real Club Celta, con 16 campionatos de España, converténdose ambos os dous en referentes históricos dunha modalidade na que Galicia deixou unha fonda pegada.

A esa tradición de éxitos sumáronse ao longo dos anos numerosos clubs galegos, que contribuíron a manter a comunidade entre as referencias do campo a través estatal e a converter esta competición nunha das citas máis especiais para o atletismo galego.

O último club galego en acadar un título nacional foi o ADAS CUPA, que se proclamou campión de España na categoría Sub23 feminina na edición de 2023, prolongando así unha historia de éxitos que agora os equipos galegos buscarán seguir alimentando en terras burgalesas.

Unha gran festa do campo a través

A 61ª edición do Campionato de España reunirá en Atapuerca 2.319 atletas, distribuídos en once carreiras, con competicións femininas e masculinas desde Sub16 ata absoluta, ademais da proba de remudas mixtas. A xornada desenvolverase no marco do Cross Internacional de Atapuerca, unha das grandes referencias do calendario internacional desta especialidade.

Os dous primeiros equipos das categorías absolutas e Sub20, tanto femininas como masculinas, así como os tres primeiros clasificados na proba de remudas mixtas, conseguirán a clasificación para a Copa de Europa de Campo a Través por Clubs, prevista para o 7 de febreiro de 2027.

Con 24 equipos en competición, Galicia volverá demostrar en Atapuerca a forza do seu atletismo de clubs, o traballo desenvolto desde as categorías de base e a continuidade dunha tradición competitiva que, desde hai seis décadas, converte o campo a través nunha das grandes señas de identidade do atletismo galego.

Máis información

Foto RFEA.

Compartir