Saltar ao contido
Carreiras Populares

Unha San Martiño de récord

A Carreira Popular do San Martiño volveu demostrar en 2026 por que é a mellor proba de atletismo popular de cantas se celebran en Galicia. A súa 49.ª edición, que reuniu máis de 11.000 participantes, acadou un novo récord de participación e consolidou unha dimensión que vai moito máis alá do estritamente deportivo convertíndose nun dos grandes sinais de identidade de Ourense e unha cita colectiva que forma parte da memoria, da tradición e da vida da cidade.

O éxito desta edición non se mide unicamente polo número de persoas que tomaron a saída, senón tamén pola capacidade da carreira para reunir nun mesmo acontecemento persoas de todas as idades, condicións físicas e niveis deportivos. Desde os atletas de elite ata os corredores populares, pasando pola infancia, a mocidade, as persoas adultas e os participantes con diversidade funcional, todos teñen o seu espazo nunha proba que converte o atletismo nunha ferramenta de convivencia, igualdade e inclusión.

Precisamente, ese carácter aberto e integrador constitúe un dos grandes valores diferenciadores da San Martiño. A carreira representa unha concepción do deporte na que o importante non é unicamente chegar antes á meta, senón que todas as persoas teñan a oportunidade de participar, compartir unha experiencia e sentirse parte dun acontecemento común. Un modelo de deporte inclusivo e interxeracional que contribúe a construír unha sociedade máis participativa e cohesionada.

Os máis de 11.000 inscritos desta edición confirman, ademais, o enorme poder de convocatoria dunha proba que conseguiu manter intacta a súa capacidade de atraer tanto a corredores experimentados como a persoas que atopan no San Martiño a oportunidade de iniciarse no atletismo ou, simplemente, de gozar dunha xornada deportiva nas rúas de Ourense.

No plano estritamente competitivo, a carreira absoluta de 10 quilómetros volveu ofrecer un espectáculo deportivo de primeiro nivel, coa presenza de destacados atletas nacionais e internacionais. Na categoría masculina, a vitoria foi para Abdessamad Oukhelfen, que se impuxo cun excelente rexistro de 29:16. O atleta internacional español, que debutaba no percorrido ourensán, demostrou a súa calidade cunha carreira de menos a máis, distanciando os seus perseguidores na segunda metade do trazado.

A segunda posición foi para David de la Fuente, cun tempo de 29:45, mentres que Esteban Basanta completou o podio cunha marca de 29:46, nunha chegada moi disputada. Pola súa banda, Alejandro Fernández volveu ser o gran referente local, ao finalizar na sétima posición da clasificación absoluta cun tempo de 31:04, resultado que lle permitiu dominar a categoría Máster 40.

Na competición feminina, a etíope Kiros Muaz impúxose cun tempo de 32:36, por diante da súa compatriota Hana Mekonin, que parou o cronómetro en 32:42. A terceira posición foi para Douae Ouboukir, cun rexistro de 33:42. A primeira das galegas en entrar en meta foi Sara Castillo cun crono de 34:39 xunsto un posto por diante da olímpica Ester Navarrete quen chegaba na 5ª posición da xeral feminina.

Máis que unha carreira

A San Martiño é, por méritos propios, a gran referencia das carreiras populares galegas. Pola súa historia, pola súa capacidade organizativa, pola calidade deportiva, pola extraordinaria resposta da cidadanía e, sobre todo, pola súa filosofía aberta e inclusiva. Poucas probas conseguen combinar nun mesmo evento a presenza de atletas de elite, a participación masiva da cidadanía e a integración efectiva de persoas de todas as condicións e idades.

Con máis de 11.000 participantes e un novo récord histórico, Ourense volveu demostrar que o San Martiño non é simplemente unha carreira: é unha expresión da identidade colectiva da cidade, un escaparate dos valores do deporte e un exemplo de como unha iniciativa deportiva pode converterse nun auténtico patrimonio social.

Desde hoxe,  xa mira cara ao seu 50 aniversario coa forza dunha proba que non só medra en participantes, senón tamén en significado xa que o seu maior éxito non está unicamente nos tempos que se rexistran na liña de meta, senón en conseguir que miles de persoas compartan cada ano un mesmo espazo, unha mesma ilusión e unha mesma paixón polo deporte.

Resultados

Compartir