Saltar ao contido
Federación

Nacho Castro asume a Delegación da FGA en Pontevedra

A Federación Galega de Atletismo ven designar a Nacho Castro como novo delegado federativo en Pontevedra, nunha decisión que supón o primeiro nomeamento de relevancia realizado por Iván Sanmartín tras a súa recente reelección como presidente da entidade.

Esta designación prodúcese tras a renuncia de David Ferrer, quen trasladou a súa vontade de centrarse de maneira máis directa na Dirección Técnica da Federación, área que vén dirixindo durante as últimas tempadas e que require unha importante dedicación e atención.

Nacho Castro conta cunha ampla vinculación co atletismo galego e reúne un perfil que combina formación, experiencia deportiva e coñecementos de xestión. É técnico deportivo superior en Atletismo e, ao longo da súa traxectoria, acumulou varios anos de experiencia no ámbito da dirección e organización deportiva. Entre outras responsabilidades, estivo á fronte da Dirección Deportiva das Escolas de Deza durante máis de sete anos.

Na actualidade, desde hai uns meses, vén desempeñando tamén funcións de coordinación da área de Tecnificación da Federación Galega de Atletismo, o que lle permitiu incorporarse ao funcionamento interno da entidade e coñecer de primeira man os seus diferentes ámbitos de actuación.

No apartado deportivo, Castro foi triatleta internacional e tamén atleta con ficha federativa, unha experiencia que lle proporciona unha visión ampla do deporte e das necesidades dos seus protagonistas.

O propio Nacho Castro amosou a súa satisfacción e disposición ante esta nova responsabilidade: “Estou agradecido por este nomeamento, que afronto con ilusión, motivación e moitas ganas de achegar, colaborar e contribuír de maneira construtiva e positiva ao desenvolvemento do atletismo galego. Asumo esta responsabilidade con compromiso e disposición para sumar e axudar en todas aquelas tarefas nas que poida ser útil”.

Pola súa banda, o presidente da FGA, Iván Sanmartín, quixo agradecer publicamente a disposición do novo delegado: “Quero agradecer a Nacho que dea un paso adiante e afronte o difícil reto de dirixir unha delegación con tanta actividade e cun tecido atlético tan importante como o de Pontevedra”.

Sanmartín tamén quixo ter palabras de recoñecemento para David Ferrer, destacando o gran traballo realizado durante a súa etapa á fronte da delegación e a súa implicación coa Federación. Neste novo escenario, Ferrer poderá centrar aínda máis os seus esforzos na Dirección Técnica, unha das áreas fundamentais e tamén máis esixentes da estrutura federativa.

Compartir