Saltar ao contido
Campionato Internacional

Pablo Vázquez e Mauro Seguín, campións de Europa

O atletismo galego viviu unha das fins de semana máis brillantes da súa historia nos Campionatos de Europa Sub18 disputados en Rieti (Italia), onde Mauro Seguin e Pablo Vázquez Maiztegui conquistaron dúas medallas de ouro que sitúan a Galicia na elite do atletismo continental. Xunto a estes éxitos, a ampla representación galega asinou actuacións de enorme nivel, confirmando a excelente saúde e o prometedor futuro da canteira galega.

Dous campións de Europa para a historia

A primeira gran alegría chegou da man de Pablo Vázquez Maiztegui , quen se proclamou campión de Europa Sub18 na proba dos 2.000 metros obstáculos. O atleta naronés, recente campión de España, realizou unha carreira intelixente e impecable tanto no aspecto técnico como táctico para superar aos mellores especialistas continentais e subir ao máis alto do podio.  Poucas horas despois sería a quenda de Mauro Seguin , que completou unha extraordinaria final dos 400 metros valos para conquistar tamén o título europeo cun excelente rexistro de 50.62. O atleta coruñés, adestrado por Vicente Veiga, culmina así unha tempada excepcional na que conseguiu todos os grandes obxectivos marcados, consolidándose como unha das grandes promesas do atletismo europeo.

Xusta e merecida recompensa  para estos dous grandes atletas que saen de Italia co máximo premio do campionato pero sobre todo, con gañas de seguir medrando e crecendo. Con estes dous ouros, o atletismo galego escribe unha nova páxina dourada na súa historia, sumando dous títulos continentais nun mesmo campionato.

Guillermo Piñeiro, a un paso do podio

Outra das grandes sensacións do Europeo foi o pontevedrés Guillermo Piñeiro , que rematou nun magnífico cuarto posto na final dos 110 metros valos, quedando ás portas da medalla de bronce cun crono de 13.42. O seu campionato foi sobresaliente, xa que nas semifinais estableceu un novo récord galego con 13.37, marca que lle permitiu acceder á final e situarse entre os mellores especialistas europeos da categoría.

Outra non menos destacada actuación foi a de Xoel Franco quen confirmando o seu enorme potencial, lograba clasificarse para unha final europea dos 1.500 m., un fito de enorme valor nunha das probas con maior nivel competitivo. Tras proclamarse esta tempada campión de España Sub18, o atleta galego confirmou en Rieti a súa progresión, competindo entre os mellores fondistas europeos da súa categoría e consolidándose como unha das grandes referencias de futuro do mediofondo español.

Novamente altísimo nivel o que amosou unha gran Aitana Capeáns quen remataba na 12ª posición na final de lanzamento de peso, despois de establecer previamente un novo récord galego Sub18 con 15,69 metros, marca que lle abriu as portas da final europea e a situou entre as mellores españolas da historia da categoría.

Outra das grandes actuacións estivo da man de Bruno Castro quen  lograba clasificarse de maneira moi brillante para a final de triplo con 15.23 m. nun único salto. Xa na final, nun concurso de menos a máis, remataba nunha gran e esperanzadora sexta posición ao saltar no último intento ata os 15.09 m.

A nota menos agradable protagonizabaa Sabela Castelo, quen tivo que pelexar contra vento e marea. A ourensá quen contraía unha infección vírica, saltaba ao tartán mermada fisicamente que orixinou que rematase  na 12ª posición da final dos 3.000 metros moi alonxada das súas marcas, deixando unha gran mostra de clase e pundonor. Sen abandonar os 3.000 m. o rosaleiro Alejandro Santos acadou tamén unha destacada posición na final dos 3.000 metros, logo de rematar a distancia cun crono oficial de 8:35.90 que lle daban unha meritoria 11º posición de todo un campiopnato europeo

Un campionato para confirmar o futuro do atletismo galego

Máis alá das dúas medallas de ouro, o Europeo Sub18 de Rieti deixa unha mensaxe moi clara: o atletismo galego conta cunha xeración extraordinaria de talento.

Dous campións de Europa, un cuarto posto rozando o podio, varios finalistas, un récord galego e numerosas clasificacións para roldas finais evidencian o excelente traballo que se está a desenvolver nos clubs e polos adestradores de Galicia.

Os resultados acadados en Italia non só representan un éxito presente, senón que anuncian un futuro ilusionante para o atletismo galego, que continúa formando deportistas capaces de competir e triunfar ao máximo nivel internacional.

Foto: RFEA (Sportmedia)

Compartir