Eixo Atlántico como nexo entre culturas
As pistas da Universidade de Santiago de Compostela (USC) acolleron onte a celebración da XVI edición dos Xogos do Eixo Atlántico, unha cita deportiva de referencia no ámbito transfronteirizo que reuniu a un total de 37 equipos baixo a organización e control técnico da Federación Galega de Atletismo.
Na clasificación por equipos, o conxunto de Lugo, na categoría feminina, proclamouse campión tras sumar 78 puntos, mentres que na categoría masculina o triunfo foi para o equipo de Braga, cun total de 71 puntos. Completaron os postos de podio, na competición feminina, os equipos de Ourense e Braga, mentres que na masculina fixérono Lugo e VN de Formaliçao, confirmando o alto nivel competitivo dunha edición marcada pola igualdade e o bo ambiente entre todas as delegacións participantes.
A xornada desenvolveuse en dobre sesión, cun programa deportivo que combinou as probas de pista pola mañá coa carreira en ruta pola tarde. Durante a primeira parte do día, as instalacións compostelás foron escenario das distintas disciplinas atléticas, nas que os equipos foron sumando puntos decisivos para a clasificación final.
Xa pola tarde, a actividade trasladouse á Alameda de Santiago, onde se celebrou a tradicional proba en ruta, sobre unha distancia de 2 quilómetros para a categoría feminina e 2,5 quilómetros para a masculina. Na carreira feminina, a vitoria foi para Lía Núñez, do equipo de Lugo, que se impuxo cunha sólida actuación. O segundo posto foi para Claudia Álvarez, de Monforte de Lemos, que cruzou a meta a 11 segundos da gañadora, mentres que a terceira praza foi para María Fernández, tamén de Lugo, a 16 segundos do primeiro posto.
Na categoría masculina viviuse unha chegada especialmente emocionante, cun desenlace moi axustado no que apenas houbo un segundo de diferenza entre os primeiros clasificados. O triunfo correspondeulle a Alejandro Casal, de Carballo, por diante de Gabriel Nogueira, de Santiago, mentres que o terceiro posto foi para Sergio Cobas, do equipo de Lugo.
A entrega de premios presidida pola Concelleira de Deportes de Santiago Pilar Lueiro e polo Presidente da Comisión Xestora da FGA Iván Sanmartín, puxo o broche desta edición 2026.
Orixe e finalidade dos Xogos do Eixo Atlántico
Os Xogos do Eixo Atlántico celébranse desde o ano 1995 e naceron coa finalidade de promover o deporte base, favorecer a convivencia entre a mocidade e fortalecer os vínculos entre a cidadanía de Galicia e do norte de Portugal. Trátase dun evento de carácter bienal, consolidado co paso dos anos como unha das grandes citas do deporte de base no espazo eurorrexional.
A competición constitúe ademais un evento deportivo transfronteirizo único en Europa, tanto pola súa dimensión como polo seu espírito integrador, reunindo en cada edición entre 1.500 e 2.000 deportistas procedentes das cidades e municipios que forman parte do Eixo Atlántico. A súa celebración representa unha oportunidade para impulsar os valores do deporte, o intercambio cultural, a cooperación institucional e o sentimento de pertenza a un territorio compartido.
Con esta nova edición, Santiago converteuse de novo no escenario dunha xornada de atletismo, convivencia e intercambio, na que o rendemento deportivo foi da man do compañeirismo e da participación, dous dos sinais de identidade que definen os Xogos do Eixo Atlántico desde a súa creación.