Saltar ao contido
Federación

Sae á luz o libro sobre a vida de Julia Vaquero “Chámome Julia”

Hai historias deportivas que transcenden as marcas, as medallas ou as clasificacións, historias que falan do prezo do éxito, das feridas invisibles e da capacidade do ser humano para volver levantarse mesmo cando todo parece perdido. Unha desas historias é a de Julia Vaqueiro.

A Federación Galega de Atletismo presenta Chámome Julia, a novela de Isidoro Hornillos, unha obra literaria baseada en feitos reais que reconstrúe a vida de quen foi unha das mellores fondistas europeas da década dos noventa e unha das mulleres máis importantes da historia do deporte galego.

A publicación supón a primeira ocasión na que Julia Vaqueiro acepta reconstruír de xeito íntegro a súa vida privado e deportiva, compartindo episodios que ata o de agora permanecían practicamente descoñecidos para a opinión pública.

Durante máis de tres décadas, os afeccionados coñeceron á atleta que desafiaba ás mellores corredoras do mundo. Moi poucos coñecían, con todo, a historia da nena que tivo unha infancia moi complexa, a moza que conviviu durante anos cunha profunda inseguridade, a deportista que alcanzou a elite mundial mentres loitaba contra trastornos alimentarios e a muller que, anos despois de abandonar a competición, tivo que afrontar unha grave enfermidade mental.

Todo iso aparece reflectido nunha novela que combina o rigor documental cos recursos da narrativa contemporánea para ofrecer un relato profundamente humano sobre a dor, a identidade, a familia, o atletismo  e a reconstrución persoal

Lonxe de ser unicamente unha historia deportiva, Chámome Julia fala de cuestións que afectan a calquera persoa: a perda, a autoestima, a saúde mental, a violencia psicolóxica, a maternidade, o fracaso, a esperanza e a posibilidade de volver empezar.

A obra nace despois dun longo proceso de documentación e de numerosas conversacións mantidas entre o autor e a propia Julia Vaqueiro, quen decidiu abrir por primeira vez os recordos máis difíciles da súa vida coa convicción de que a súa experiencia pode axudar a outras persoas.

A mediados do mes de xullo, estará dispoñible en Amazón

Compartir