Saltar ao contido
Campionato de Galicia

Fabián Vidal, protagonista do galego Sub20 e Sub23

As pistas de atletismo Josefina Salgado, no Pereiro de Aguiar, acolleron durante a pasada fin de semana o derradeiro Campionato Xunta de Galicia do mes de xuño, coa celebración das competicións das categorías Sub20 e Sub23.

Máis de 300 atletas déronse cita nun campionato que estivo condicionado polas ausencias de varios dos seus principais protagonistas, debido á coincidencia cos compromisos da selección galega absoluta e da Sub18. A pesar diso, a competición deixou un bo número de rexistros de gran nivel e actuacións destacadas.

Un dos grandes nomes da xornada foi a do Sub23 Fabián Vidal do At. Barbanza. O internacional, asinaba unha extraordinaria marca de 46.41 nos 400 metros lisos que representan o segundo mellor rexistro galego de sempre, tan só superado polo mítico récord de Isidoro Hornillos de 46.24 do ano 1979, un dos máis lonxevos do ránking galego. Na actualidade o propio Fabian xunto a Jacobo Soler (46.65 este ano) sitúanse a priori, como serios candidatos a mellorara a plusmarca galega.

Sen abandonar a velocidade nin a factoría do Barbanza, Eloy Martínez proclamouse campión galego Sub20 dos 100 metros lisos cun tempo de 10.82, resultado que o sitúa ademais á fronte do ranking galego da súa categoría.

Nos 5.000 metros femininos era Leyla Villar do Sanysec Ourense, quen conquistaba  o título autonómico cun rexistro de 19:26.04.

As probas de valos tamén ofreceron actuacións de gran interese. Na categoría Sub20, Pablo García proclamouse campión galego dos 110 metros valos cunha marca de 14.78. Pola súa parte, Iago López, do Riazor Coruña, impúxose nos 400 metros valos Sub23 cun tempo de 53.19. Na categoría feminina destacaron igualmente Valentina Rodríguez, do Riazor Coruña, vencedora na Sub20 con 1:09.16, e Carmen García, da At. Lucense, campioa Sub23 grazas a un rexistro de 1:04.79.

Nos concursos de lanzamentos, Anxo Filgueira, do At. San Sebastián, logrou o título Sub20 de martelo cun mellor intento de 59,44 metros, acadado no terceiro lanzamento. Na xavelina, Álex César, do AA. Mazí, fíxose coa vitoria tras enviar o artefacto ata os 54,82 metros.

Destacar tamén a participación das internacionais Lucía Sánchez del Valle da Gimnástica (6.06 m. en lonxitude e 30.49 m. en xavelina)  e de Xiana Lago do Ría Ferrol ( 13.49 m. en peso)

Xa nas remudas,s clubs gañadores foron o Celta At. na Sub20 feminina e masculina así como o At. Sada na Sub23 feminina e Sanysec-Ourense na masculina.

Finalmente, na competición de decatlón, o título galego foi para Breogán García do At. Deza, que sumou un total de 5.022 puntos para proclamarse campión autonómico.

Resultados

Galería de fotos

Compartir