Saltar ao contido
Selección Galega

A Irmandiña absoluta e Sub18 pon rumbo a Logroño

O mes de xuño pecharase cunha das grandes citas do calendario nacional de atletismo: o Campionato de España de Federacións por Seleccións Autonómicas, que este ano terá como escenario a cidade de Logroño. Ata a capital rioxana desprazaranse as seleccións galegas absoluta e Sub18, dous equipos que volverán representar ao atletismo galego co obxectivo de confirmar o excelente momento que vive a nosa comunidade.

A selección absoluta competirá o sábado 27 de xuño coa intención de manter o elevado nivel competitivo mostrado nas últimas edicións, nas que Galicia conseguiu consolidarse entre as mellores federacións do panorama estatal. Para esta edición serán 22 atletas os encargados de defender as cores da Irmandiña nun equipo que combina experiencia internacional, talento consolidado e unha importante presenza de mocidade con enorme proxección.

Á fronte da expedición estará a olímpica Belén Toimil, que suma xa a súa décimo quinta convocatoria coa selección galega absoluta. A lanzadora mugardesa parte como principal favorita para impoñerse na proba de peso, disciplina que lidera con autoridade no ranking español grazas aos seus 17,80 metros.

Outro dos grandes referentes do equipo será o internacional Dani Chamosa, que alcanza a súa oitava convocatoria coa selección e aspira a ocupar as primeiras posicións na proba de marcha. Tamén vestirán a camisola galega dúas atletas habituais nas convocatorias internacionais, Debritu Paniagua e Demeku Paniagua, que competirán nos 1.500 metros e nos 3.000 obstáculos, respectivamente.

A representación galega contará ademais coa presenza da plusmarquista autonómica dos 100 e 200 metros, Ainhoa Repáraz, que chega a Logroño nun magnífico estado de forma e coa terceira mellor marca das participantes na velocidade curta.

Nos 800 metros, Anxo Lado figura entre os atletas con maiores opcións de ocupar as primeiras posicións despois de acreditar un excelente rexistro de 1:46.93 conseguido o pasado mes de maio. Pola súa banda, o actual campión galego de ruta, campo a través e pista afrontará os 3.000 metros coa intención de facer valer a súa marca de 7:59.33, mentres que David Vicente buscará confirmar o seu gran momento nos 110 valos, onde acredita 14.30.

Na altura, a medallista nacional Iria Solera volverá medirse coas mellores especialistas españolas nun concurso que pode permitirlle seguir achegándose á simbólica barreira dos 1,80 metros.

Os concursos tamén presentan importantes opcións para Galicia. Marcos Bouza chega ao disco integrado no selecto grupo de lanzadores que xa superaron os 50 metros esta tempada, mentres que José Orlando Escobar afrontará a xavelina coa quinta mellor marca das inscricións, grazas aos seus 66,89 metros.

A renovación xeracional estará tamén representada por atletas como Blanca Pereira, no lanzamento de martelo, e Gonzalo Cuns, no triplo, dous deportistas chamados a desempeñar un papel destacado tanto nesta competición como no futuro inmediato do atletismo galego.

A Sub18 buscará repetir entre as mellores seleccións de España

O domingo será a quenda da selección galega Sub18, que competirá fronte a outras quince federacións autonómicas coa ilusión de igualar ou incluso mellorar o magnífico cuarto posto conseguido na pasada edición celebrada en Palafrugell.

A expedición galega presenta un equipo equilibrado e con numerosos atletas que xa se situaron entre os mellores da súa categoría durante a presente tempada.

Nos 800 metros destaca Irma Veiguela, que chega coa segunda mellor marca das participantes tras correr en 2:11.34. Tamén nos postos de privilexio aspira a situarse Claudia Pérez, unha das referencias galegas nas probas de fondo, que competirá nos 3.000 metros.

En categoría masculina, Pablo Vázquez Maiztegui será unha das principais bazas do combinado galego nos 2.000 obstáculos, disciplina na que buscará establecer unha nova mellor marca persoal.

Outra das actuacións máis esperadas será a de Mauro Seguín, inmerso nunha extraordinaria progresión que recentemente o levou a establecer o récord galego Sub18 dos 400 metros lisos. En Logroño competirá sobre os 400 valos coa intención de continuar a súa evolución.

Nos concursos de salto sobresae a presenza do actual campión galego absoluto de altura, Sergio Gil, que chega tras superar os 1,99 metros, confirmando o excelente estado de forma que atravesa. Na pértega será Rebeca Fernández quen represente a Galicia nun concurso de gran nivel.

O recentemente proclamado campión de España Sub18 de triplo en pista cuberta, Bruno Castro, cambiará nesta ocasión de especialidade para competir no salto de lonxitude, onde acredita unha mellor marca de 6,90 metros. Pola súa parte, Miguel Ángel López será o representante galego no lanzamento de peso, proba á que chega tras alcanzar os 15,23 metros durante o pasado mes de maio.

Especial atención merecen tamén os concursos de lanzamentos, onde Galicia presenta dúas das súas grandes promesas. A campioa de España Sub18 Aitana Capeáns competirá no disco co obxectivo de superar por primeira vez os 41 metros, mentres que o tamén campión de España Javier Cid buscará continuar a súa progresión no martelo e aproximarse á barreira dos 66 metros.

Coa experiencia dos seus atletas máis consolidados e o empuxe dunha nova xeración que continúa medrando a pasos axigantados, Galicia afronta unha nova edición do Campionato de España de Federacións coa ambición de volver estar entre as grandes potencias do atletismo  e confirmar o excelente estado de saúde que atravesa o atletismo galego.

Selección Galega Absoluta

Selección Galega Sub18

Compartir