Saltar ao contido
Campionato de Galicia

Pereiro de Aguiar reúne á elite do atletismo galego (I)

As pistas de atletismo de Pereiro de Aguiar ultiman os preparativos para acoller esta fin de semana o Campionato Xunta de Galicia Absoluto ao Aire Libre, a cita máis importante da tempada estival do atletismo galego. O campionato reunirá a boa parte dos mellores especialistas da comunidade, que loitarán polos títulos autonómicos nunha competición que, un ano máis, ofrecerá un elevado nivel deportivo, aínda que tamén contará con algunhas ausencias destacadas.

Previa categoría masculina

Comezamos esta previa falando das probas de velocidade, na que os 100 metros preséntanse moi abertos. O atleta do CAPEX, Adrián Pérez, chega coa mellor marca dos participantes (10.81), aínda que terá como principal rival ao sub20 do Celta, Adrián Bernárdez, que acredita 10.84. Nos 200 metros, o campión galego e medallista europeo máster Sergio Rodríguez (S.Gimnástica) defenderá o título conquistado en 2025. Farao cun rexistro de 21.83, practicamente idéntico ao de Eloy García (Marineda At.), quen chega cunha centésima menos e aspira a destronar ao actual campión.

Un dos grandes focos de atención estará nos 400 metros, unha das probas con maior nivel do campionato. Ata tres atletas baixaron esta tempada dos 48 segundos: Jacobo Soler lidera o ránking galego con 47.26, pero tanto Fabián Vidal (At. Barbanza), con 47.58, como Álex Miguéns (S.Gimnástica), con 47.83, presentan serias opcións de loitar polo ouro.

Nos 800 metros, Alberto Pérez do Celta At., parte como principal favorito grazas ao seu mellor rexistro de 1:50.55, mentres que Javier Picos do Marineda At., con 1:51.11, buscará achegarse ao título. Continuando co medio fondo, nos 1.500 metros, o sub20 lucense do Lucus Iker Fernández intentará dar un paso máis tras a prata acadada o pasado ano. Os seus 3:46.49 convérteno no gran favorito da distancia.

Pola súa banda  David de la Fuente afronta a competición coa intención de completar unha tempada extraordinaria. Tras proclamarse campión galego de campo a través, pista cuberta e ruta, buscará revalidar tamén o título dos 5.000 metros.

Os 110 metros valados porán a proba o novo sintético da pista aourensá , onde o medallista de bronce no último Campionato de España absoluto indoor de probas combinadas, Gerson V. Izaguirre, lidera a inscrición cunha marca de 13.87. Pola súa banda, David Vicente tentará mellorar os seus 14.53 para pelexar polas medallas. Xa nos valos longos  agardanos  outro emocionante duelo entre Iago Núñez do Lucus Caixa Rural, con 53.33, e Leo Rodríguez do Celta At. con 53.42.

Na proba de 3.000 metros obstáculos, Hugo García parte como claro favorito e tentará ademais baixar da barreira dos nove minutos. Na marcha, o internacional sub20 Nicolás Collazo (Ames Atletismo Savante), subcampión galego o pasado ano, aspira ao seu primeiro título absoluto aproveitando a ausencia do finalista mundial Dani Chamosa.

Nos concursos, o salto de altura reeditará o intenso duelo vivido o pasado ano en Pontevedra entre Adrián Pastoriza da Gimnástica, campión galego ao aire libre e en pista cuberta, e Gael Couñago CAR Redondela subcampión, e na que ambos este ano, acuden cun mellor salto de 2,01 metros.

Na pértega, o atleta do Celta  Pablo Fernández lidera a competición cos seus 4,86 metros. Pola súa banda, Sergio Coello centrará boa parte da atención do campionato no salto de lonxitude, onde intentará aproximarse á barreira dos 7,90 metros.

O triplo promete tamén un gran espectáculo coa presenza do campión de España sub18 Bruno Castro do Coruña Comarca, autor xa esta tempada dun salto de 15,27 metros, marca idéntica á de Álex Barreiro do Lucus CR. Xunto a eles competirá o sadense e vixente campión galego, Diego Míguez , que deberá superar os seus actuais 15,09 metros para revalidar o título.

Nos lanzamentos, o plusmarquista galego e medallista de España sub23 Fernando Vallines (Atletismo Albacete) parte como un dos favoritos no peso, onde terá como rivais, entre outros, a Gerson V. Izaguirre. No disco, Víctor Gallego da S.Gimnástica aspira a sumar un novo título galego e chega coa mellor marca dos inscritos, 46,18 metros.

Na xavelina, Jonathan Correa do Celta At. buscará superar os 64,31 metros desta tempada tendo como principal referencia a José Orlando Escobar (FC), do Atletismo Portugalete. No martelo, Patricio Palma  do Limia Activa, presenta a mellor marca dos participantes con 56,03 metros malia que terá moito que decir Daniel Villanueva (Sanysec-Ourense) quen se perfila  como claro aspirante ao titulo.

Finalmente, no decatlón, Xoel Otero (AA Mazí), que este inverno xa acadou 5.201 puntos no heptatlón, parte como o principal candidato á vitoria nunha das probas máis esixentes do programa.

Todo apunta, en definitiva, a un Campionato Xunta de Galicia Absoluto de gran nivel competitivo, no que os mellores atletas galegos volverán medir as súas forzas na loita polos títulos autonómicos máis prestixiosos da tempada ao aire libre.

Máis info

Compartir