Saltar ao contido
Carreiras Populares

Presentouse o XII CorreSán 2026

O Presidente da FGA Iván Sanmartín  tomou parte  no día de hoxe na presentación da XII edición do Circuíto de Carreiras Saudables de Santiago, CorreSan, na que estivo a concelleira de Deportes de Santiago, Pilar Lueiro;  Javier Nicolás, xerente do Centro Comercial As Cancelas; Mario González, director comercial de Gonzacar; Miguel Anxo Nogueira, secretario do club colaborador Noitebra FC de atletismo; e Iván Pardal, secretario do club colaborador Atletismo Santiago.

Iván Sanmartín agradeceu o apoio do Concello de Santiago a este deporte e destacou a utilidade do CorreSan para iniciar a moitas persoas nas carreiras. Iván Sanmartín subliñou que se trata dun circuíto saudable adaptado a todas as categorías, con distancias que oscilan entre os 4,5 km e os 5,5 km, e amosou o seu convencemento de acadar o nivel de popularidade da pasada edición, cando case todas a probas superaron os mil inscritos. “Ten todos os ingredientes para que este circuíto volva ser un éxito”, afirmou.

Pola súa banda Pilar Lueiro manisfestaba que “Como concelleira de Deportes, síntome profundamente orgullosa de ver como a nosa cidade se move, se coida e se acompaña. O deporte é saúde, si; pero tamén é convivencia, educación e futuro”, valorou Pilar Lueiro, e expresou o seu orgullo por “un evento que medra grazas ao traballo das entidades, dos clubs, do persoal organizador e, sobre todo, grazas ás  persoas que enchen as rúas de enerxía, esforzo e cor”.

Na mesma liña, Javier Nicolás lembrou que ao longo da súa historia o CorreSan suma xa máis de 5.000 participantes e consolídase como “unha aposta de cidade”

Iván Pardal agradeceu a participación de todas as persoas voluntarias e apoio da Administracións nesta “festa do running e do deporte”  na que, segundo resaltou, “da igual a idade e a condición física e o importante é poñerse o dorsal e comezar”.

Miguel Anxo Nogueira puxo o foco nos beneficios para a saúde, tanto física como mental, e na dimensión social deste circuíto, do que resaltou tamén a emoción de que este ano vaia rematar cun Memorial Manolo Moure, en homenaxe ao presidente no club Noitebra falecido o pasado ano.

Inscricións abertas

A  primeira carreira terá lugar no histórico Barrio de Conxo o sábado 6 de xuño e seguiranlle o 11 de xullo a nocturna da Cidade Vella, o 13 de setembro a Ruta dos Parques, o 10 de outubro a do barrio de San Pedro e finalmente o 14 de novembro en Angrois a carreira Ruta da Prata Memorial Manolo Moure.  As inscricións están abertas e poden realizarse tanto individuais coma por clubs federados, equipos populares e centros escolares. As persoas interesadas poden inscribirse online a través da páxina Carreiras Galegas.

Promover a actividade física 

A XII edición do circuíto de Carreiras Saudables CorreSAN 2026 é un programa de carreiras organizadas pola Federación Galega de Atletismo e patrocinadas polo Concello de Santiago de Compostela a través do seu departamento municipal de Deportes. Este circuíto entra dentro do labor de concienciación sobre os beneficios que a actividade física regular provoca na mellora da calidade de vida da nosa cidadanía.

O circuíto CorreSan representa unha iniciativa para Compostela que traslada o deporte ata os barrios e zonas onde normalmente xa se practican diferentes deportes, en especial o atletismo na súa vertente máis popular.

O circuíto estará aberto á participación de calquera deportista habitual ou eventual que desexe acceder á práctica libre do exercicio físico nos diferentes contornos da cidade. Nas probas terán cabida atletas de case todas as idades, de sub 10 a máster, con distancias adaptadas a cada categoría que participen nas carreiras das que consta este circuíto, o que integrará un aliciente de motivación como é a competición.

A participación poderá ser individual ou formando parte de equipos, tanto federados como populares. As categorías escolares poderán a maiores formar grupos por centros escolares.

Compartir