Excelentes actuacións nos autonómicos Sub16 e Sub18 de PC

Excelente fin de semana de campionatos autonómicos de PC os vivivos en Expourense durante o sábado e o domingo, presenciándose grandes actuacións e un gran porcentaxe de MMP.

Campionato Xunta de Galicia Sub16

Sen lugar a dúbidas o máis salientable foi o novo récord de España establecido por Hugo Casañas do Rías Baixas quen sobre o concurso de peso lanzaba no seu segundo intento ata os 21.01 m. (19.61/21.01/X/19.55/X/20.84) mellorando en máis de setenta centímetros o tope de España que el mesmo tiña desde principios deste mesmo mes. Todo un gran talento que xunta xenética, condicións e actitude para dar moito que falar nun futuro ao noso deporte.

A maiores desta boa nova, tamén poidemos ver actuacións salientables como as protagonizadas polo plusmarquista galago do ADAS CUPA Aaron Pérez  logrando os títulos galegos nas probas dos 60 m. con 7.16 e do triplo con 12.72 m. Precisamente sobre esta mesma proba Laura Ríos do At. Sada chegaba no seu quinto intento ata os 10.61 m.

Alma Bello  de A Silva lograba pola súa banda, o campionato galego na distancia dos 60 m. establecendo a mellor marca galega do ano con 8.01.

Continuando ca velocidade, triunfo para Pablo Ruíz do Santa Uxía sobre a final dos 300 m. con 38.44 así como de Olivia Gutiérrez do Celta quen sobre a mesma distancia paraba o reloxo nuns bos 41.31. A maiores a céltica subiría novamente ao podio para recibir o metal de ouro na proba de lonxitude con 5.21 m.

Nos 1.000 m. a gran favorita Sabela Castelo da Gimnástica, tivo que emplearse para facerse co campionato logo dunha boa carreira de Paula Fernández do S.D. Compostela. A campioa de España do ano pasado acabaría marcando un crono de 2:56.57 polos 2:58.57 da compestelá. Na categoría masculina Xoel Franco do Beade con 2:40.19 facía o propio na súa final.

As probas de valos contaron ca boa actuación de Carla Allegue do Xundas Diversia que paraba o crono en 9.23

Na colchoneta de pértega destacamos ao sadense Héctor Alba quen sobrepasaba o listón situado a 3.00 m. Pola súa banda, non menos destacada resultaba o concurso femenino con triunfo de Rebeca Fernández de La Purísima que chegaba ata os 2.80 m.

O concurso de peso tivo en Aitana Capeáns do Rías Baixas a súa protagonista feminina logo de chegar aos 12.56 m., seis centímetros máis que Sara Caamaño do Barbanza quen lograba o subcampionato galego.

No concurso de altura tanto Adriana Castiñeira do Ferrol Atletismo como Beltrán Rivas do At. Deza elevábanse ata os 1.57 e 1.74 m. respectivamente

Campionato Xunta de Galicia Sub18

Despóis das boas actuacións dos  Sub16 durante todo o sábado, a xornada do domingo estivo reservada para a disputa do campionato Sub18.

Comezando polas probas de velocidade, Paula Conde do At. Ribadeo e Adrián Bernárdez do Celta convertíanse no claros domiñadores do sector logo de acadar os títulos autonómicos sobre os 60 m. (7.89 e 7.16) e os 200 m.( 25.75 e 22.56)

Unha das probas máis agardadas foi a final dos 800 m. masculinos na que tanto Daniel Salgueiro do Coruña Comarca como Daniel Picos do Marineda At. mantiveron unha interesantísima carreira de poder a poder con triunfo nos metros finais por vinteunha centésimas para Picos con 1:54.37. Sabela Martínez da Gimnástica na categoría feminina,  non daba opcións as súas rivais rematando a proba en solitario con bo rexistro de 2:11.67.

Noa Bobillo de la Purísima proclamábase campioa galega e líder do ranking autonómico ao rematar a final dos 60 valos con 9.08 o mesmo que Gael Couñago da A.D.CAR sobre o listón de altura con 1.92.

O foso de lonxitude tivo nos atletas de A Silva aos seus protagonistas xa que si na categoría feminina o título galego foi para Antía Castro con 5.12 m., na masculina Raúl Gude tería que agardar ata o último intento para escalar do cuarto posto ata o campionato galego grazas aos seus 6.56 m. No mesmo foso pero de triplo, Gonzalo Sánchez do C.A.Sada saltaba ata os 13.65 m. que o sitúan ao fronte do ranking galego.

Na colchoneta de pértega María Artemia Pérez da Gimnástica revalidaba o seu título galego en pértega con 3.21 m. e sobre o círculo de lanzamentos, claro domiño tanto do lanzador pontevedrés da Gimnástica Eloy Acuña que chegaba xusto á barreira dos 14.00 m. como a de Gema Dacosta do Vila de Cangas, que facía o propio con 13.28 m.

Compartir: