Resultados

Comunicado da Federación sobre a reforma das pistas de Cervo

A Federación Galega de Atletismo, sae ao paso da información publicada no día de hoxe na que se cuestionaba a homologación das reformas das pistas de O Cervo para acoller probas oficiais mediante o seguinte comunicado:

¨A Federación Galega de Atletismo, seguindo o seu Plan Estratéxico considera necesario ter instalacións, xa sexan pistas con cordas, módulos, cubertos ou descubertos, ou zonas de lanzamentos na meirande parte das comarcas galegas, en especial naquelas que posúan un tecido asociativo atlético consolidado.

Neste sentido a Federación apoia calquera iniciativa, presente e futura, que posibilite unha mellora, tanto para adestrar como para competir, para os atletas e clubs en calquera parte de Galicia.

Neste caso, a firme e acertada iniciativa do Concello de Cervo e a Xunta de Galicia de acometer a reforma do estadio municipal con pistas sintéticas supón unha moi boa nova para dinamizar a práctica do atletismo na comarca, tanto escolar como federado.

As Pistas que serán homologadas poderán acoller competicións oficiais, inclusive algunhas modalidades de Campionatos de Galicia, pero tamén contarán cunha zona anexa para a práctica dos lanzamentos longos (xavelina, disco e martelo) e o peso, tamén homologada.

Ademais está prevista a realización dun circuíto de campo a través, polo que se creará un complexo atlético que non discrimina a ningunha especialidade e que pode converterse nun referente para outros concellos galegos.

Oxalá este iniciativa anime a outros municipios a apostar, como fai Cervo, para mellorar as condicións de adestramento e competición dos atletas e clubs.

A nosa felicitación dende a Federación Galega de Atletismo ao alcalde e ao seu equipo de goberno polo seu compromiso co atletismo¨

Compartir: