Resultados

Solange, Uxía e Tariku ó europeo de campo a través

A RFEA facilitaría no día de onte a relación de atletas seleccionadas/os para representar a España no Campionato de Europa de Campo a Través que terá lugar o vindeiro día 8 de decembro na capital lusa de Lisboa no que será por parte do país irmán, os seus terceiros campionatos logo das edicións de Oeiras (1997) e Albufeira (2012).

A lista dos convocadas/os estará formado por un importante equipo de corenta atletas entre os que cabe salientar a presenza das galegas e do galego Uxía Pérez Bugarín e Tariku Novales na categoría Sub23 e a de Solange Pereira no relevo mixto.

A mundialista Solange Pereira, asidua as listas nacionais desta disciplina que tan bos resultados está a dar, defenderá o título acadado o ano pasado en Tilburg. Recentemente asinaría un excelente rexistro no Cros de Atapuerca onde remataría segunda no cros curto.

Tariku Novales pola súa banda dará comezo unha nova tempada con moitas gañas, logo de que este ano as cousas non foran todo o ben que el desexaba. Para elo afronta esta importante cita onde o ano pasado xa acadara unha excelente sexta posición e onde Atapuerca recentemente, confirmaría o seu bo estado de forma.

Para rematar, a campioa galega absoluta dos 5.000 m. Uxía Pérez, regresa a unha convocatoria internacional de campo a través logo da última acontecida no ano 2014 co Campionato de Europa en Samakov (Bulgaría). A de Tui tomaría parte recentemente nas probas tanto de Atapuerca como de Soria, acadando destacados postos.

Selección Española

Compartir: