O director do Observatorio do Atletismo Galego Jesús Vázquez, ven de nomear coordinador deste proxecto ó naronés Miguel Soto, quen pasará a realizar funcións de coordinación técnica entre as diferentes áreas que formarán a Federación Galega de Atletismo.
Miguel Soto, é na actualidade Presidente e atleta do Club Atletismo Narón, á vez que é membro da Xunta Directiva da Federación Galega de Atletismo presidida por Isidoro Hornillos. Posúe unha ampla experiencia no tecido empresarial ao ocupar diversos cargos de responsabilidade na multinacional Decathlon. Jesús Vázquez, Director do Observatorio destacou que “é unha honra que Miguel Soto sexa o coordinador do Observatorio onde a súa experiencia a nivel deportivo, de xestión e empresarial, será moi importante para crear sinerxias e desenvolver con éxito un proxecto pioneiro en Galicia e en España”. Pola súa banda, Miguel Soto destacou que “É un pracer formar parte deste proxecto e gozar da confianza tanto de Jesús como de Isidoro para coordinalo. Galicia ten unha tradición atlética significativa no panorama nacional e non só hai que mantelo, se non fomentalo e aumentalo. Ana Peleteiro, Adrián Ben, Miguel González, Tariku Novales, Lida Parada, Leticia Gil e un longo número de mozas e mozos veñen confirmar que Galicia goza de boa saúde na actualidade. Este feito tennos que servir para construír un futuro no que as/os nenas/os vexan nestas estrelas emerxentes o camiño para seguir. É un proxecto con moito fondo, que abrangue a numerosas persoas e que require dunha escoita activa do tecido atlético galego para ir dando solucións e adiantarnos a necesidades no curto, medio e longo prazo”
(Foto de arquivo, Miguel Soto segundo pola esquerda)