Sen sorpresas no Galego de Medio Maratón

Non houbo sorpresas no Campionato de Galicia de Medio Maratón que este domingo o Concello de Ribeira patrocinaría por segunda vez consecutiva. Manuel Hurtado da Gimnástica cun rexistro de 1:07:06 e Paula Mayobre do Clínicas Dental Seoane Pampín con 1:15:41 sucederían no palmarés tanto a Pedro Nimo como a Manuela Mayo gañadores na edición do ano pasado.

Preto de 250 atletas tomarían a saída as 10:00 horas na parroquia de Aguiño sobre un circuíto fermoso e no que por lixeiros momentos o vento dificultaría o avance dos atletas. Dende a categoría Sub20 ata os Máster, percorrerían os 21.097,50 metros ben para tomar parte no galego ou na II Media Marathon Riviera – 21 que se desenvolverían simultaneamente.

Na categoría feminina Paula Mayobre impúxose con bastante vantaxe sobre o resto de atletas, volvendo así ó estado de forma ao que ela tennos afeitos despois de que o ano pasado tivese que atravesar certos problemas físicos que xa parecen estar recuperados. As atletas do Comesaña Sofía Freaza con 1:23:25 e Soledad Castro con 1:26:15 completarían o podio feminino dando ó seu club de paso, o título de campión galego xunto ó Atletismo SAR e Egovarros de Viveiro.

Na categoría masculina o triunfo estaría algo máis axustado con Alex Fernández do Ourense Atletismo logrando o subcampionato galego e chegando a medio minuto do gañador. O bronce correspondería a Jorge Crespo do Club Atletismo SAR con 1:09:28. Por equipos o Atletismo Sar proclamaríase campión autonómico sendo o Lucus Caixa Rural Galega e o San Miguel de Marín segundos e terceiros respectivamente.

No resto de categorías os títulos autonómicos corresponderían ós seguintes atletas:

  • Senior: Paula Mayobre (C.D. Seoane Pampín) e Manuel Hurtado (S.G.Pontevedra)
  • Sub20: Lucía Ordás (C.A. Santiago) e Iago Pereira (C.A. Santiago)
  • Sub23: Daniel Pérez (LUCUS CRG)
  • Máster 35: Sofía Freaza (Comesaña S.C.) e Jorge Crespo (C.A.Sar)
  • Master 40Patricia Feijoo (Comesaña S.C.) e Juan Antonio Gude (LUCUS CRG)
  • Máster 45: Elena Miguéns (C.A.Sar) e Francisco José Campos (C.A. Santiago)
  • Máster 50: Soledad Castro (Comesaña S.C.) e Angel Rodríguez (A. Milladoiro)
  • Master 55: María Elisa Paz (Egovarros) e Emilio Martínez (Egovarros)
  • Máster 60: Manuel Suárez (Veteranos Samil)
  • Máster 65: Isabel Brea (Egovarros) e José Matías Regueira (A. Barbanza)
  • Máster 70: Julio César Constenla (Atennas Runing)

Resultados

Compartir: