Interesante axenda de competicións é o que nos depara o calendario autonómico e internacional para esta fin de semana.
En Madrid continúa ata o sábado a competición do Campionato de Europa Máster de Pista Cuberta na que os atletas galegos están a acadar excelentes rexistros sobre os que vimos falando a través das Redes Sociais e cuxa información ampliaremos próximamente nesta web.
Dende a pista cuberta de Madrid, ímonos ata o VII Trofeo Deportivo Aurum de aire libre que se desenvolverá en Ourense a partir das 18:00 horas do sábado 24 e que xuntará a un importante número de atletas no que representa unha das primeiras citas de aire libre importantes da tempada.
No apartado de tecnificación segue a desenvolverse a concentración de velocidade que o responsable do sector José Carlos Tuñas está a dirixir durante esta fin de semana na Pista Cuberta de Ourense e cuxa finalidade é a de facer un seguimento directo ós mellores especialistas do sector.
Xa para rematar a VII Carreira Pedestre Concello de Camariñas, que se desenvolverá o domingo, abrirá o importante Circuíto de Carreiras Populares da Costa da Morte formado por un total de dez probas e que este ano se achega xa a súa sétima edición.