Resultados en directo  

Un campionato de promesas moi reais

Fantástico balance da expedición galega desprazada ata terras salmantinas para a disputa do Campionato de España Sub-23 que durante este fin de semana se vería desenvolvendo na pista cuberta da Ciudad Deportiva de la Aldehuela.

Un balance de dous ouros, unha prata e dous bronces abalan a excelente colleita realizada polos ata alí desprazados.

Comezando co resumo, nos 60 m. Javier García do Lugo Running R.L. accedería a semifinal da proba logo de marcar nas eliminatorias 7.02. Xa nas mesmas ocuparía a sexta posición con 7.08 non poidendo mellorar o seu mellor rexistro do ano de 6.94. Na categoría feminina tanto Blanca Lorenzo do Riazor Coruña con 8.08, Paula Martínez do Vila de Cangas con 8.23 e Estela Fernéndez do Lugo Runing R.L. con 8.15 non puideron pasar da primeira rolda.

Nos 200 m. femininos bo papel de Raquel Arias do A.F. Celta que accedería as semifináis con 26.36 (MMT) repetindo marca na mesma que a levarían ata a cuarta posición da súa serie. Menos sorte tería o especialista en valados Iago Núñez do Lucus C.R.G. quen non pasaría da primeira rolda con 22.86.  Pedro Juncal do Celta pola súa banda non puido baixar dos cincuenta segundos, rematando a súa semifinal dos 400 m. na quinta posición con 50.06. Nesta mesma distancia, sexto lugar nas semifinais para a coruñesa do Riazor Inés Oitaven con 58.33 (MMP)

Nos 60 v. feminino sétima posición nas semis de Paula Martínez do Vila de Cangas con 9.34 (MMT) marcando Estela Fernández do Lugo Runing R.L. tres milésimas máis e ocupando a sexta praza na terceira semifinal. De novo Iago Núñez estaría a piques de acadar o pase a final dos 60 v. na súa primeira semi ó empatar a tempos co segundo clasificado con 8.56 (MMT)

Na proba máis curta do medio fondo, os 800 m. cuarta posición para Luis del Río do R.C. Celta con 1.53.51 (MMP) que quedaría as portas da final.  Adrián Lago da Gimnástica pola súa parte, non tería o seu día nos 1.500 m. onde remataría último na final con 4:14.87 lonxe da súa marca deste ano de 3:58.

En pentatlón a celeste Andrea Novoa con problemas físicos non podería completar as últimas probas das combinadas.

No concurso de peso representación galega da man de Alicia González do Lucus C.R.G. quen remataría na décima posición cun mellor lanzamento de once metros xustos, a dazasete centímetros da súa mellor marca da tempada.

Seguindo cos concursos, dúas galegas en lonxitude, Ainoa Don do Riazor Coruña chegaría ata os 5.43 m. que lle servirían para acadar posto de finalista no oitavo lugar. Dous postos máis abaixo Elvira OKutu do A.F. Celta chegaría ata os 5.27 m.

Xornada de medallas

A primeira das medallas caería no concurso de triple onde o atleta da Gimnástica de Pontevedra Anxo Blanco acadaría o Campionato de España con 15,62 m. efectuados xa no seu primeiro intento. Este rexistro representa unha MMP para este atleta que xa deixaría unhas moi boas sensacións no Autonómico de Ourense.

A outra das medallas que se verían correspondería a velocista do Riazor Coruña Paula Iglesias quen xa nas semifinais daría aviso das súas intencións gañando a carreira e facendo 56.32. Na final veríamos a mellor versión da coruñesa quen con 55.36 acadaría o bronce desta proba establecendo un novo récord galego Sub-23 que ata ese entón tiña Begoña Garrido.

Os 3.000 m. contaba ca presenza de dúas das nosas máis importantes bazas nestos campionatos, a do lucense Adrián Ben e a do noiés Tariku Novales.

O de Lugo que viña de sair dun proceso febril loitaría como nel é costume acadando a segunda posición cun rexistro de 8:27.46. Tras del e sumando outra importante medalla ó seu curriculo, chegaría Tariku Novales con 8:33.29 reportando dous novos metais ó conxunto da actuación galega nestos campionatos

A otra das medallas vería da man da indiscutible favorita en altura Saleta Fernández quen non só gañaría o seu concurso proclamándose campiona de España, senón que ca súa marca de 1,84 m. establecería un novo Récord Galego Sub-23 e Absoluto que ela mesma tiña. Con esta novo rexistro a de Monforte suma máis centímetros cara esa fantástica e prometedora progresión que está a manter nos últimos anos.

Resultados

Compartir: