Saltar ao contido
Pista Curta

Nace o Trofeo EDUSPORTIA de pista curta para as categorías base

O atletismo galego contará cun novo aliado para impulsar o atletismo de base. EDUSPORTIA será o novo patrocinador do Trofeo de Atletismo en Pista Curta, unha das competicións máis destacadas do calendario autonómico para as categorías de formación, que se celebrará o vindeiro 26 de decembro en Expourense e que sustitúe ao anterior patrocinador que se encargaba de dar nome a esta cita.

EDUSPORTIA é unha empresa especializada no subministro de material e equipamento deportivo para centros educativos, colexios, escolas deportivas e clubs. A súa actividade abrangue diferentes disciplinas deportivas, incluíndo material específico para a práctica do atletismo, tanto nas probas de carreira como nos saltos e lanzamentos.

A incorporación desta empresa como patrocinador do trofeo, supón unha aposta polo desenvolvemento do deporte desde as idades máis temperás e por unha modalidade que constitúe unha das bases da formación deportiva. Unha colaboración que conecta directamente a actividade empresarial da marca cos valores que promove o atletismo: o esforzo, a superación persoal, o compañeirismo, o respecto e o traballo en equipo.

Coa nova denominación de Trofeo EDUSPORTIA, a competición manterá o seu formato por equipos, reunindo os clubs clasificados nas categorías Sub 10, Sub 12 e Sub 14, tanto masculinas como femininas.

Centos de nenos tomarán parte nunha gran xornada de aprendizaxes

A competición converterá Expourense nun punto de encontro para o atletismo galego máis novo, nunha xornada que combina competición, convivencia e promoción deportiva, ofrecendo aos atletas das categorías de formación a oportunidade de representar os seus clubs e compartir unha experiencia competitiva de primeiro nivel.

Desde a Federación Galega de Atletismo quérese agradecer a confianza de EDUSPORTIA e a súa implicación neste proxecto, destacando a importancia de contar con empresas que apostan polo deporte de base e contribúen ao crecemento e consolidación do atletismo galego.

Bases Trofeo EDUSPORTIA

Compartir