A FGA repartirá 40.000 € para o programa de axudas a atletas no 2027.
A Federación Galega de Atletismo destinará un total de 40.000 euros ao programa de Axudas a Atletas FGA 2027, unha contía que representa un incremento dun 33,33% en relación as cantidades destinadas o ano pasado ao mesmo concepto.
Esta ampliación da partida económica responde á vontade da Federación de seguir fortalecendo o apoio directo aos atletas galegos e constitúe un dos eixos principais do novo período federativo, no que se está a traballar para incrementar progresivamente os recursos destinados tanto ás axudas como aos investimentos que contribúan ao desenvolvemento e crecemento do atletismo galego.
O incremento destas axudas quere poñer en valor o recoñecendo o esforzo, a dedicación e os resultados acadados nas diferentes competicións por parte das nosas e nosos atletas, así como a importancia da súa participación representando a Galicia nas seleccións galegas absolutas.
O programa de axudas para 2027 estrutúrase en dúas grandes liñas, cunha dotación de 20.000 euros para os resultados obtidos coa Selección Galega Absoluta e outros 20.000 euros para os resultados individuais en competicións nacionais e internacionais.
No apartado das seleccións galegas absolutas, as axudas contemplan a participación nas modalidades de pista, campo a través, trail running e probas combinadas. Pola súa banda, a liña de resultados individuais valorará os logros acadados nas categorías Sub20, Sub23 e absoluta, atendendo aos resultados obtidos en campionatos de España e competicións internacionais.
Con esta nova dotación, o atletismo galego continúa avanzando nunha liña de traballo que ten como prioridade aumentar os recursos destinados aos atletas, fortalecer as estruturas deportivas e impulsar novas oportunidades para o conxunto do atletismo galego.