Saltar ao contido
Federación

A FGA organiza catro Xornadas de Psicoloxía do Deporte co patrocinio de AON

A Federación Galega de Atletismo, co patrocinio de AON, pon en marcha as Xornadas de Psicoloxía do Deporte 2026, unha iniciativa que ten como obxectivo promover o benestar psicolóxico dos e das atletas máis novos, achegándolles ferramentas prácticas para afrontar os retos emocionais e organizativos que acompañan a práctica deportiva.

O programa contempla a celebración de catro encontros presenciais de portas abertas en diferentes localidades galegas: Ourense, Ames, A Coruña e Pontevedra. As xornadas están especialmente dirixidas aos atletas das categorías sub16, sub18 e sub20, así como ás súas familias, entendendo que o acompañamento familiar é unha parte fundamental do desenvolvemento deportivo e persoal dos mozos e mozas.

A adolescencia é unha etapa na que coinciden importantes cambios persoais, académicos e sociais. Neste contexto, a competición deportiva pode traer consigo situacións de presión, nerviosismo, dificultades para xestionar os erros ou a necesidade de compatibilizar os adestramentos e as competicións coas responsabilidades académicas.

Por iso, a Federación aposta por incorporar a preparación psicolóxica como unha parte esencial da formación integral dos e das deportistas.

Dous grandes bloques temáticos

As xornadas estrutúranse arredor de dous contidos principais.

O primeiro deles, «Como xestionar os nervios para render na competición», permitirá aos participantes comprender por que aparecen a ansiedade antes de competir e como inflúen os pensamentos, as emocións e a activación física no rendemento deportivo.

O segundo bloque estará centrado na «Carreira dual: como compaxinar os estudos co deporte», unha cuestión especialmente relevante para os atletas destas categorías. Abordaranse aspectos como a organización do tempo, a planificación semanal, a priorización de tarefas, a xestión dos períodos de exames e competicións, a motivación e a importancia do descanso e da recuperación.

As sesións desenvolveranse cunha metodoloxía activa e participativa, combinando explicacións adaptadas á idade dos asistentes, dinámicas de reflexión e exercicios prácticos que permitan trasladar as aprendizaxes á vida deportiva e académica.

Catro encontros en Galicia

As Xornadas de Psicoloxía do Deporte desenvolveranse nas seguintes datas e sedes, todas elas ás 19:00 horas:

  • 3 de decembro en Ourense (Expourense)
  • 11 de decembro en Ames (Casa da Cultura de Ames)
  • 11 de decembro en A Coruña (Salón do Servizo Provincial de Deportes en Elviña).
  • 18 de decembro en Pontevedra: (CGTD)

Cada sesión terá unha duración aproximada de 90 minutos e estará impartida polas psicólogas deportivas Madó González Fernández e María González Alonso, responsables do deseño e desenvolvemento dos contidos.

A Federación agradece a colaboración de AON, patrocinador oficial da iniciativa, así como o apoio das entidades que fan posible o desenvolvemento destas xornadas: Expourense, Concello de Ames, Xunta de Galicia e Xacobeo 2027.

Lembramos que o comezo das charlas será ás 19:00 horas,  sendo a entrada de balde ata completar aforo.

 

Compartir