Negreira recibe esta fin de semana o campionato de España máster en 5K
O vindeiro 15 de novembro, Negreira converterase nun dos principais focos do atletismo estatal coa celebración do Campionato de España Máster de 5K en ruta, que se desenvolverá coincidindo coa disputa da súa tradicional Carreira Internacional.
A cita contará cunha destacada representación galega, con 98 atletas da nosa comunidade inscritos na competición individual. Entre eles figuran varios dos campións de España da pasada edición: Alberto Mariño, do SD Compostela, na categoría M45; Xosé Luis Otero do Atletismo Santiago, na M75; e Fernando Sainz, do Atletismo Sar tamén na categoría M75.
A competición terá igualmente protagonismo na modalidade por equipos, na que Galicia estará representada por un total de 24 formacións. Entre os clubs participantes destacan o ADAS CUPA, vixente campión de España nas categorías M35 e F45, e o SD Compostela Atletismo, que tamén conquistaba o título estatal na categoría M60 na pasada edición.
Cómpre lembrar que a anterior edición deste campionato xa se celebrara en terras galegas, concretamente en Bertamiráns. A celebración desta nova cita en Negreira supón un novo paso na consolidación de Galicia como escenario habitual de grandes competicións de atletismo. De feito, este 2026 será a cuarta ocasión na que a nosa comunidade acolla un Campionato de España, despois do Campionato de España Sub16 celebrado en maio no Pereiro de Aguiar, o Campionato de España Máster de Clubs disputado na Coruña en xullo e o Campionato de España Sub14 por equipos celebrado en Vigo o pasado mes de outubro.
O obxectivo da representación galega será mellorar os excelentes resultados acadados na pasada edición, disputada en Bertamiráns, na que os atletas da nosa comunidade conseguiron un balance histórico de 9 medallas de ouro, 13 de prata e 12 de bronce. Aquel campionato deixou tamén un importante rexistro de marcas, cun récord de España, dous récords galegos e unha nova mellor marca dos campionatos.
Negreira prepárase así para recibir os mellores especialistas máster do atletismo estatal nunha xornada que combinará o alto nivel competitivo coa tradición dunha das probas internacionais máis recoñecidas do calendario galego de ruta.
