Saltar ao contido
Federación

O CEAGA titula a súa primeira promoción e consolida a formación do atletismo galego

O Centro de Ensino do Atletismo Galego (CEAGA) celebra a obtención da titulación por parte dos alumnos e alumnas da súa primeira promoción, un paso importante na consolidación dun proxecto formativo impulsado pola Federación Galega de Atletismo para dar resposta ás necesidades presentes e futuras do noso deporte.

A culminación desta primeira etapa formativa supón moito máis ca un logro académico para os seus protagonistas. Representa tamén a materialización dun proxecto que naceu coa vontade de ofrecer aos adestradores e adestradoras galegos unha formación oficial, especializada e de calidade, sen necesidade de abandonar a nosa comunidade para completar os seus estudos.

Un centro ao servizo do atletismo galego

O CEAGA constitúe unha das apostas estratéxicas da Federación Galega de Atletismo para fortalecer as estruturas do noso deporte desde a base. A súa posta en funcionamento permitiu incorporar a Galicia á oferta de ensinanzas deportivas oficiais en atletismo, creando unha vía formativa propia para todas aquelas persoas que desexan orientar a súa traxectoria profesional cara ao adestramento e á preparación de atletas.

Autorizado pola Consellería de Educación da Xunta de Galicia, o centro ofrece unha formación estruturada en diferentes niveis, que abrangue o Ciclo Inicial e o Ciclo Final do Grao Medio de Técnico Deportivo en Atletismo, así como o Grao Superior de Técnico Deportivo Superior en Atletismo.

Esta estrutura permite acompañar o alumnado ao longo dun itinerario formativo progresivo, desde a iniciación deportiva e o desenvolvemento das habilidades básicas ata o perfeccionamento técnico, a planificación do adestramento e a preparación para a competición de alto rendemento.

A oferta formativa do CEAGA busca, deste xeito, dar resposta ás distintas necesidades do atletismo actual e contribuír á preparación de profesionais capaces de desenvolver o seu labor en escolas deportivas, clubs e estruturas de adestramento de diferentes niveis.

Formarse en Galicia para seguir medrando en Galicia

A obtención dos títulos por parte desta primeira promoción pon de manifesto a importancia de contar cun centro destas características no noso territorio. Ata a creación desta vía formativa, a preparación oficial dos técnicos podía implicar a necesidade de desprazarse a outras comunidades autónomas, coas dificultades económicas, laborais e persoais que iso supón.

Dispoñer dunha estrutura propia en Galicia facilita o acceso á formación, favorece a continuidade dos estudos e permite que os coñecementos adquiridos repercutan directamente no desenvolvemento do noso atletismo.

Ademais, a existencia dun centro especializado contribúe a crear unha rede de profesionais cada vez máis preparados, capaces de trasladar aos clubs e ás escolas deportivas os coñecementos técnicos e metodolóxicos necesarios para mellorar o traballo diario cos atletas.

Neste sentido, o CEAGA representa unha ferramenta fundamental para o presente e o futuro do atletismo galego, ao permitir que os técnicos poidan formarse na súa propia comunidade e desenvolver aquí boa parte da súa traxectoria.

Un primeiro paso cara ao futuro

A primeira promoción que culmina agora a súa formación abre unha nova etapa para o Centro de Ensino do Atletismo Galego e para a propia o atletismo galego. O reto será continuar consolidando esta oferta, ampliar as oportunidades de acceso á formación e seguir contribuíndo á preparación dos técnicos e técnicas que estarán á fronte das escolas, dos clubs e dos proxectos deportivos dos vindeiros anos.

 

 

Compartir