Iván Sanmartín, reelexido presidente da FGA para o período 2026-2030
Iván Sanmartín foi reelixido presidente da Federación Galega de Atletismo na Asemblea Xeral celebrada no día de hoxe en Santiago. A súa continuidade no cargo prodúcese nun proceso electoral no que foi o único candidato á presidencia, polo que a súa elección formalizouse sen necesidade de votación, conforme ao regulamento electoral vixente.
A elección tivo lugar este venres, 23 de outubro, durante a sesión constitutiva da Asemblea Xeral da Federación, que reuniu aos membros da Asemblea para formalizar a elección da presidencia e proclamar as persoas e entidades elixidas para os postos electivos da Comisión Delegada.
A Xunta Electoral proclamou definitivamente a candidatura de Sanmartín tras concluír sen reclamacións nin recursos o prazo de impugnación das candidaturas provisionais. Deste xeito, o actual presidente é único aspirante ao cargo no proceso electoral de 2026, afronta unha nova etapa á fronte do organismo federativo.
Unha Comisión Delegada con representación dos distintos estamentos
O proceso electoral tamén define a composición dos seis postos electivos da Comisión Delegada, para os que se presentan seis candidaturas, o mesmo número que de prazas que se deben cubrir. Por este motivo, tampouco é necesaria unha votación.
As candidaturas corresponden ao Club Marineda Atlético, á Sociedad Gimnástica de Pontevedra e á Asociación Deportiva Atlética Sil (ADAS), en representación das entidades deportivas; a Iván Sangiao Darriba, polo estamento de atletas; a Mayka Jueguen Lago, polo de adestradores e adestradoras; e a Ángel López Montesinos Vázquez, polo de xuíces.
A Asemblea Xeral, integrada por 64 membros, aborda así a constitución dos órganos federativos para a nova etapa. Ademais dos seis postos electivos, a presidencia designa outros tres membros da Comisión Delegada, que deben ser nomeados nos dez días hábiles seguintes á toma de posesión.
Continuidade para o atletismo galego
Coa súa reelección, Iván Sanmartín inicia o seu segundo mandato dando continuidade ao proxecto federativo e asumindo o reto de seguir impulsando o desenvolvemento desta disciplina en Galicia.
A súa continuidade á fronte da FGA abre unha nova etapa de traballo para o atletismo galego, coa participación dos distintos estamentos e entidades deportivas nos órganos de representación da Federación.
Durante a súa comparencia ante a Asemblea, o xa reelecto presidente daba as grazas a todos por formar e apoiar este novo proxecto, pasando a enumerar brevemente cales van ser os sus obxectivos e liñas programáticas para o vindeiro mandato.