Saltar ao contido
Campionato de España

Sete medallas para a representación galega máster no Campionato de España de Palafrugell

A representación galega asinou unha destacada actuación no Campionato de España máster disputado esta fin de semana na localidade catalá de Palafrugell ao colleitar un total de nove medallas. Entre os resultados máis salientables sobresaen os títulos de España de Jose Domínguez Caballero, Ángeles Rodríguez e Sole Castro, nunha competición que tamén deixou varias medallas de prata e bronce para os atletas galegos.

Un dos grandes protagonistas foi José Domínguez Caballero da A Silva, que se proclamou campión de España na categoría M50 de probas combinadas cun total de 5.660 puntos, unha puntuación que lle permitiu subir ao máis alto do podio.

Tamén brillou Ángeles Rodríguez, campioa de España máster na categoría F65 no pentatlón de lanzamentos, cunha puntuación total de 2.702 puntos. A atleta acadou estes rexistros tras completar as cinco disciplinas da modalidade: martelo (22,67 m), peso (6,94 m), disco (17,97 m), xavelina (21,64 m) e martelo pesado (8,69 m). Rodríguez volveu demostrar a súa versatilidade ao sumar unha segunda medalla, desta vez de bronce, na proba da milla, cun tempo de 7:29.89.

Pola súa banda, Sole Castro do Comesaña Sporting Club, engadiu un novo título ao seu brillante palmarés ao proclamarse campioa de España nos 10.000 m. na categoría F60, cun rexistro de 46:53.46. Un novo éxito para unha das atletas de referencia do club vigués.

As medallas de prata chegaron da man de Amador Pena, do Atletismo Obradoiro na categoría M45, e de Pablo Fervenza, do Samertolameu, na M70. Ambos os dous subiron ao segundo chanzo do podio nas probas dos 10.000 m. e da milla. Pena rexistrou uns tempos de 33:45.45 nos 10.000 metros e 6:20.08 na milla, mentres que Fervenza completou as mesmas distancias en 43:11.07 e 6:20.08, respectivamente.

Finalmente, o ponteareán Dani Barguiela, do Atletismo Bikila, pechou a participación galega no medalleiro cun bronce nos 10.000 m. da categoría M50, tras cruzar a liña de meta cun tempo de 33:51.44.

Estes resultados poñen de manifesto o bo nivel do atletismo máster galego, cunha expedición que volve de Palafrugell con sete medallas que evidencian a calidade das nosas e nosos máster.

Foto RFEA

Resultados

Compartir