Vigo agarda esta fin de semana aos mellores equipos de España Sub14
As pistas de atletismo de Balaídos, serán o escenario esta fin de semana do XIII Campionato de España Sub-14 por equipos, unha das grandes citas do calendario estatal de atletismo de base. A competición, organizada pola Federación Galega de Atletismo e Real Federación Española de Atletismo en colaboración co Concello de Vigo, reunirá os mellores equipos nunha fin de semana na que o talento das novas xeracións e o traballo dos clubs serán os grandes protagonistas.
Galicia terá unha presenza especialmente destacada, con sete equipos clasificados entre as dúas categorías. Na competición masculina participarán o Club Atletismo Sada, o R.C. Celta e a S.G. Pontevedra, mentres que na feminina estarán o Club Atletismo Sada, o Lucus Caixa Rural Galega, a S.G. Pontevedra e a Sociedade Atlética Vila de Vigo.
A representación galega terá así unha oportunidade de competir ao máximo nivel e de amosar o potencial do atletismo de base da comunidade. Ademáis, para os equipos vigueses e galegos, disputar o campionato en Balaídos supón o atractivo de competir nunha instalación coñecida e contar coa proximidade da afección nunha cita de gran nivel. De igual modo, o campionato será unha excelente oportunidade de medirse aos mellores conxuntos do panorama estatal na que lembramos, a presenza galega neste campionato chega avalada polo título de campión de España masculino Sub-14 colleitado polo Club Atletismo Narón en 2024, na competición disputada en Alcobendas (Madrid).
Un campionato que premia o traballo colectivo
A cita desenvolverase nas categorías masculina e feminina, con clasificacións independentes. Cada equipo estará formado por oito atletas, que deberán afrontar dúas probas individuais —unha carreira e un concurso—, mentres que cinco integrantes participarán nas remudas de 5 x 80 m.
Este formato converte o evento nunha competición na que a regularidade, o compromiso e a loita por cada punto resultarán fundamentais e determinantes na loita polos postos de honra.
Dúas xornadas de atletismo en Balaídos
A actividade comezará o sábado 17 pola tarde, coa disputa das probas correspondentes á categoría feminina en carreiras e marcha, así como dos concursos e remudas masculinas. A competición continuará o domingo 18 pola mañá, cando chegará a quenda das probas masculinas de carreiras e marcha, dos concursos femininos e das remudas femininas, que pecharán o programa previsto.
Foto. RFEA
