Saltar ao contido
Campionato de Galicia

Sanysec-Ourense e Atletismo Sada, campións galegos Sub20

As pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra acolleron o pasado 10 de outubro unha nova edición do Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub20, unha competición que reuniu os principais equipos galegos da categoría nunha xornada marcada polas excelentes condicións meteorolóxicas, o gran ambiente nas bancadas e a emoción dunha loita polos títulos que se mantivo aberta ata as últimas probas.

A igualdade foi a gran protagonista ao longo de todo o encontro, cunha intensa pugna entre os clubs participantes que obrigou a esperar ata o final para coñecer os campións. Unha vez máis, as probas de remudas resultaron determinantes á hora de decidir a clasificación definitiva e configurar os postos de podio, ofrecendo un desenlace cheo de emoción.

Na categoría masculina, o Club Atletismo Sada impúxose grazas á gran regularidade do seu equipo ao longo da competición na que tan só o campión de España Bruno Castro lograba o triunfo parcial na loxitude. A Sociedade Gimnástica acadou a segunda posición, mentres que o Marineda Atlético completou o podio cun meritorio terceiro posto.

A competición feminina ofreceu un dos desenlaces máis axustados da xornada. O Atletismo Sada e o Sanysec-Ourense remataron empatados a puntos, polo que foi necesario recorrer ao número de primeiros postos para determinar o equipo vencedor. Finalmente, o maior número de vitorias nas probas disputadas decantou o título a favor do Sanysec-Ourense, que se proclamou campión galego feminino. O Atletismo Sada tivo que conformarse coa segunda posición, mentres que a Sociedade Gimnástica ocupou o terceiro chanzo do podio.

Por parte das campioas galegas lograban triunfos parciais a campioa de España  Icía Ares na marcha;  Lucía Quintáns nos 400 valos; Claudia Pérez nos 3000 m.; Naroa Pereira nos 1.500 m.; Rocío Marín nos 100 valos; Rebeca Fernández en pértega e Lara Pereira na xavelina.

O campionato Sub20 pechábase cunha gran xornada de atletismo e emoción, na que todos os clubs participantes contribuíron a ofrecer un espectáculo deportivo de gran nivel.

Clasificación por equipos

Categoría femenina: 1º Sanysec-Ourense (92 p.); 2ª C.A.Sada (92 p.); 3ª S.Gimnástica (89 p.); 4ª C.A.Santiago (42 p.); 5ª Ag.Viguesa (37 p.); 6ª ADAS CUPA (30 p.):

Clasificación masculina: 1ª C.A.Sada (93 p.); 2ª S.Gimnástica (88 p.); 3º Marineda At. (87 p.); Sanysec-Ourense (86 p.); 5º R.C.Celta (71 p.); 6º At. Santiago (43 p.)

Resultados

Compartir