Saltar ao contido
Campionato de Galicia

O CGTD decide este sábado o autonómico de clubs Sub20

As pistas do Centro Galego de Tecnificación Deportiva (CGTD) de Pontevedra serán este sábado o escenario do Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub20, unha cita que reunirá a boa parte dos principais atletas galegos da categoría e que permitirá comprobar o estado de forma dos equipos neste inicio de tempada. A competición dará comezo ás 10:15 horas.

A cita chega apenas unha semana despois da celebración do Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub16, disputado na Malata, e volverá poñer no centro da escena o talento das novas xeracións do atletismo galego. Como sucedera na competición Sub16, o campionato autonómico por clubs será unha excelente oportunidade para ver en acción a atletas chamados a ter protagonismo ao longo da tempada.

Na competición feminina estarán presentes o ADAS Cupa, Atletismo Santiago, Sanysec-Ourense, Atletismo Sada, Sociedad Gimnástica e a Agrupación Viguesa, mentres que na categoría masculina tomarán parte o ADAS Cupa, Atletismo Santiago, Sanysec-Ourense, Atletismo Sada, Sociedad Gimnástica e o Marineda Atlético.

Sanysec-Ourense, a defender o título feminino

Na categoría feminina, o Sanysec-Ourense acudirá a Pontevedra coa condición de actual campión galego. O conxunto ourensán conquistou o título na pasada edición, celebrada en Elviña, e buscará repetir o éxito nesta nova edición do campionato.

A competición presenta, en todo caso, un escenario aberto, cunha importante presenza de clubs e atletas que buscarán sumar o maior número de puntos posible en cada unha das probas para levar o título autonómico por equipos.

O título masculino, aberto tras a ausencia do campión de 2025

Na categoría masculina, a principal novidade será a ausencia do Atletismo Narón, vencedor da pasada edición. A súa ausencia deixa o campionato sen o defensor do título e abre o abano de posibilidades para o resto dos equipos participantes.

Neste escenario, o Celta Atletismo – e vixente subcampión- parte a priori como un dos principais candidatos a loitar polo título, nunha competición na que cada punto pode resultar decisivo e na que os diferentes clubs deberán demostrar a súa regularidade o ao longo do campionato.

O Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub20 volverá ofrecer así unha nova oportunidade para gozar do atletismo de base galego e comprobar, neste primeiro tramo da tempada, a evolución das novas xeracións chamadas a tomar o relevo no atletismo autonómico.

Normas técnicas

Compartir