Saltar ao contido
Campionato Internacional

Seis atletas galegos estarán no Mundial Máster de Maratón de Zagreb

Seis atletas galegos e galegas participarán o vindeiro 11 de outubro no Campionato do Mundo Máster de Maratón, que se disputará na capital de Croacia, Zagreb, nunha cita que reunirá aos mellores especialistas internacionais das distintas categorías máster.

Os deportistas galegos forman parte da expedición española, composta por un total de 55 atletas, que se desprazará ata a capital croata para afrontar unha das grandes citas do calendario internacional de atletismo máster.

Na categoría masculina, a representación galega estará formada por Rubén Bregua, do Marineda Atlético, na categoría M45; Jorge Janeiro, do Fisioterapia S. Lázaro, tamén na M45; Emilio García e Jordi Carrasco, ambos do SD Compostela, na categoría M50; e José Benito Gómez, do Sanysec-Ourense, na M65.

Pola súa banda, a representación feminina correrá a cargo de Soledad Aurora Leiro, do SD Compostela, que competirá na categoría F50. A atleta compostelá é, ademais, recordwoman galega, polo que chega á cita mundialista como unha das referencias do atletismo galego na súa categoría.

Jordi Carrasco, principal baza galega

Entre os seis representantes galegos destaca especialmente a presenza de Jordi Carrasco, que se presenta en Zagreb como a principal baza galega para loitar polas posicións de honra.

O atleta morañés chega ao Mundial avalado por un extraordinario historial recente. En 2024 proclamouse campión do mundo de maratón en Romanía, un éxito ao que sumou posteriormente o subcampionato de Europa logrado en Finlandia e, máis recentemente, o campionato de España de media maratón. Unha traxectoria que converte a Carrasco nun dos atletas a seguir nesta nova cita internacional e que lle outorga claras aspiracións de volver situarse entre os mellores da súa categoría M50.

Xunto a el, Rubén Bregua, Jorge Janeiro, Emilio García, José Benito Gómez e Soledad Aurora Leiro completarán unha representación galega que buscará deixar o pavillón autonómico no máis alto nun dos grandes escenarios do atletismo máster internacional.

Máis información

 

Compartir