A Coruña-10 toma as rúas da Coruña
A Coruña acolleu este domingo a 20ª edición da carreira popular Coruña10, unha das grandes citas do calendario atlético galego, que volveu reunir na cidade a un elevado número de participantes e que contou coa presenza de destacados nomes do atletismo.
David de la Fuente, cun tempo de 29:47, proclamouse vencedor da categoría masculina, mentres que Isabel Barreiro, con 34:00, foi a gañadora na categoría feminina.
Un dos grandes atractivos desta edición foi tamén a participación do atleta galego Adrián Ben, finalista olímpico, que completou unha destacada actuación ao rematar na terceira posición da clasificación masculina. Completaban podio Dennin Incutti en homes quen chegaba no segundo posto así como Sandra González da At. Lucense e Sara Castillo do A.F. Celta, nas mulleres.
A Coruña10 celebrou así unha edición especialmente simbólica ao alcanzar as súas vinte edicións, consolidándose como unha das probas populares de referencia de Galicia tanto pola súa participación como polo seu nivel deportivo e pola súa capacidade para converter as rúas da cidade nun gran escenario para o atletismo.
A aposta polo atletismo
A celebración dunha nova edición da Coruña10 pon tamén de manifesto o firme compromiso do Concello da Coruña polo atletismo, unha aposta que se traduce ao longo do ano nun amplo calendario de competicións e actividades deportivas.
Neste sentido, a cidade conta con probas consolidadas como a Coruña21, o Circuito de Carreiras Populares Coruña Corre e o Gran Premio Internacional de Marcha Cantones da Coruña, unha das grandes referencias mundiais desta disciplina e unha cita xa inseparable da tradición deportiva da cidade.
A aposta municipal permite así que A Coruña sexa escenario de competicións de diferentes distancias e disciplinas, desde o atletismo popular ata a elite internacional, contribuíndo á promoción da práctica deportiva e á consolidación da cidade como referente atlético.
Unha das grandes carreiras do calendario galego
Polo seu volume de participación, pola súa traxectoria e polo nivel deportivo que reúne cada ano, Coruña10 é xa unha das grandes probas do calendario da Federación Galega de Atletismo, xunto a outras citas de referencia como a San Martiño de Ourense ou a carreira do Correo Gallego, entre outras grandes probas populares que forman parte da tradición atlética galega.
A chegada á súa 20ª edición supón un novo fito para unha carreira que, ano tras ano, contribúe a achegar o atletismo á cidadanía e a facer da Coruña unha cidade cada vez máis vinculada á práctica deportiva.
A Coruña10 pecha así unha nova edición reafirmando o seu carácter de gran festa do atletismo popular e consolidando dúas décadas de historia dunha das carreiras máis importantes e recoñecidas do calendario galego.