Lucus Caixa Rural Galega e Sociedad Gimnástica, dominan o autonómico de clubs Sub16
As pistas da Malata, en Ferrol, foron escenario onte do Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub16 por equipos, unha cita que marca practicamente o inicio da tempada oficial do atletismo galego de 2026 e que deixou como primeiros campións autonómicos do novo curso ao Lucus Caixa Rural Galega, na categoría feminina, e a Sociedad Gimnástica, na masculina.
O conxunto lucense asinou unha actuación moi sólida na competición feminina proclamándose campión galego con 141,5 puntos, demostrando unha excelente posta punto. O podio completárono a Sociedad Gimnástica e o Sanysec-Ourense, segundo e terceiro clasificados, respectivamente.
O título das lucenses sustentouse nunha excelente colleita de triunfos individuais. Gisela González impúxose nos 100 metros, mentres que Paula Pazo asinou unha destacada actuación ao conseguir a vitoria tanto no triplo salto como na lonxitude. Tamén lograban sumar a máxima puntuación Eva Veiga na marcha; Sara Pérez nos 600 metros, e Blanca García, no lanzamento de martelo.
A Sociedad Gimnástica decide o título masculino nas remudas
Moito máis igualada resultou a competición masculina, na que a Sociedad Gimnástica tivo que agardar ata as últimas probas para asegurar o título. O Atletismo Narón chegou ás remudas mantendo unha vantaxe que facía presaxiar un triunfo azulón, máis o conxunto pontevedrés lograba a remontada que os conducían finlmente ao máis do podio por unha diferenza de tan só catro puntos.
A Sociedad Gimnástica sumou así 72 puntos e revalidou o título galego, nunha clasificación na que o Atletismo Narón ocupou a segunda posición e o Sanysec-Ourense completou novamente o podio.
Entre os resultados que contribuíron decisivamente ao triunfo pontevedrés destacaron as vitorias de Luis Durán nos 100 metros e Martín Otero nos 600 metros, ademais dos triunfos colectivos nas remudas de 4×100 e 4×300 metros. Precisamente estas dúas últimas probas resultaron determinantes para decantar definitivamente a clasificación a favor da os de Lérez.
Este campionato serviu así para dar o primeiro gran sinal de saída á tempada autonómica de 2026, cunha xornada que combinou o dominio do Lucus Caixa Rural Galega na competición feminina coa emoción ata os últimos metros na categoría masculina.
A entrega de trofeos contou coa presenza do concelleiro de Deportes do Concello de Ferrol, Ricardo Aldrey, encargado de participar na clausura dunha competición que reuniu na Malata a boa parte do talento novo do atletismo galego.
