A tecnificación, protagonista do mes de outubro
A Federación Galega de Atletismo afronta o mes de outubro cunha intensa programación dentro do Plan Galego de Tecnificación Atlética (PGTA), unha das liñas de actuación prioritarias para a mellora da formación e o desenvolvemento do atletismo galego.
Ao longo do mes celebraranse cinco actividades de tecnificación en diferentes puntos de Galicia, con propostas centradas na marcha e velocidade, as probas combinadas e os saltos horizontais. Estas xornadas permiten ofrecer un espazo específico de aprendizaxe, análise e intercambio de coñecementos entre atletas, adestradores e responsables técnicos da Federación.
A programación comezará o 10 de outubro no Estadio Manuel Anxo Cortizo de Lalín, cunha sesión de portas abertas dos sectores de marcha e velocidade. A iniciativa, integrada no PGTA, busca achegar estas disciplinas a atletas e adestradores de diferentes categorías e crear un punto de encontro no que compartir coñecementos e resolver dúbidas tanto desde o punto de vista práctico como teórico. A sesión estará dirixida por Mayka Jueguen, no apartado de marcha, e José Carlos Tuñas, no de velocidade baixo a coordinación do responsable da FGA Nacho Castro.
A actividade está aberta a atletas e adestradores con licenza en vigor, desde a categoría correspondente aos nacidos en 2013 ata os nacidos en 2007, reforzando así o carácter formativo e participativo desta xornada.
O seguinte encontro terá lugar o 18 de outubro en Lugo, coa Sesión Técnica de Combinadas, unha actividade que forma parte do calendario anual do Plan Nacional de Tecnificación Deportiva (PNTD).
O 24 do outubro o sector de Trailrunning tamén terá en Lalín un importante xornada de tecnificación á fronte da cal o responsable da FGA do sector Ivan Sangiao estará dirixindo aos convocados e convocadas os fundamentos fundamentais desta modalidade.
O último tramo do mes concentrará dúas novas actividades. O 30 de outubro, tamén en Lugo, desenvolverase a II Sesión Técnica de Velocidade (PGTA), mentres que o 31 de outubro, en Ribeira, terá lugar a Sesión Técnica de Saltos Horizontais (PNTD).
A tecnificación como aposta polo futuro
A Federación Galega de Atletismo concibe a tecnificación como unha ferramenta fundamental para acompañar o crecemento deportivo dos atletas galegos e favorecer a súa progresión a medio e longo prazo. O PGTA articula ao longo de toda a tempada sesións específicas para diferentes especialidades, abrangue distintas franxas de idade e combina actividades de carácter técnico con propostas orientadas á detección e desenvolvemento do talento.
Máis alá do traballo específico de cada disciplina, estas actividades pretenden fortalecer a conexión entre atletas e adestradores, facilitar o acceso a coñecementos especializados e crear espazos nos que compartir experiencias e metodoloxías de traballo.
Neste sentido, outubro representa unha nova oportunidade para seguir avanzando nunha liña estratéxica da Federación: investir na formación, no coñecemento e na mellora técnica como base para o futuro do atletismo galego.
As catro citas previstas durante o mes de outubro dan continuidade así ao calendario do PGTA 2026, que ao longo da tempada inclúe sesións específicas de lanzamentos, saltos, fondo e mediofondo, marcha, valos, trail running, velocidade e combinadas, entre outras especialidades.