Presentación na sede da RFEA do libro “Chámome Julia” de Isidoro Hornillos
Logo de ser protagonista dalgúns dos grandes momentos da historia do atletismo español, Julia Vaquero volveu situarse no centro da actualidade coa presentación de Chámome Julia, o libro escrito por Isidoro Hornillos que percorre a súa traxectoria deportiva e vital desde unha perspectiva que vai moito máis alá das marcas e das medallas.
A sede da Real Federación Española de Atletismo acolleu a presentación da obra, organizada pola RFEA e Fundación Sportium no marco de Atletismo Solidario. O acto permitiu coñecer a historia de Julia desde dentro, achegándose aos seus éxitos deportivos, pero tamén ás súas relacións persoais, ás esixencias do alto rendemento e aos momentos de vulnerabilidade que acompañan unha carreira de elite.
Chámome Julia traslada tamén ao lector a unha época na que o coñecemento sobre a saúde mental, as necesidades específicas das mulleres deportistas e outras cuestións relacionadas co alto rendemento era moi diferente ao actual.
“Eu non quería escribir un libro, quería contar unha historia”, explicou Isidoro Hornillos, que pretende que o lector acompañe a Julia na súa vida máis alá das estatísticas e dos rankings.
A propia Julia Vaquero compartiu durante a presentación o que supón reencontrarse coa súa historia anos despois e reivindicou a necesidade de abordar a saúde mental sen estigmas: “Ás enfermidades mentais hai que respectalas e non estigmatizalas”.
Acompañar máis alá da meta
A presentación serviu tamén para poñer en valor o traballo de Atletismo Solidario, programa impulsado desde 2023 pola RFEA e Fundación Sportium para achegar o atletismo a colectivos vulnerables e facer do deporte un espazo accesible e sen barreiras. As súas iniciativas, que inclúen o apoio a atletas sen recursos, clubs de base e colectivos en risco de exclusión social, xa chegaron a máis de 800 persoas.
O presidente da RFEA, Raúl Chapado, destacou que “o atletismo ten cousas marabillosas e serve para moito máis que para as medallas”, mentres que o vocal da Fundación Sportium, Carlos Duelo, sinalou que a historia de Julia representa valores como “superación, sacrificio e valentía”.
Chámome Julia convértese así nunha oportunidade para mirar o deporte de elite desde unha perspectiva máis humana e lembrar que detrás de cada marca e de cada medalla hai unha persoa cunha historia que merece ser contada e acompañada.
Un libro que engancha desde a primeira páxina
O libro de 366 páxinas narra a vida de Julia Vaqueiro desde a Galicia rural dos anos setenta ata os grandes escenarios internacionais do atletismo. Nesas páxinas hai unha infancia atravesada pola precariedade, os silencios familiares e unha sensación temperá de desamparo; unha adolescencia na que correr empeza a converterse nunha forma de afirmarse fronte ao mundo; e unha madurez na que chegan as marcas, a selección española, os campionatos internacionais e o recoñecemento público… malia que e o libro vai máis alá da historia dunha atleta extraordinaria.
Dispoñible an Amazon
Para todos aqueles interesados e interesadas o libro atópase dispoñible en AMAZON