C-10 celebra aniversario a ritmo de récord de participación
A Coruña volverá ser este domingo a partir das 10:00 horas o epicentro do atletismo popular galego coa celebración da XX edición da Carreira Popular Coruña10, unha das grandes citas do calendario de pedestrismo de Galicia. A proba, organizada polo Concello da Coruña e a Federación Galega de Atletismo, reunirá arredor de 4.000 participantes entre as diferentes categorías, nunha xornada que levará o atletismo ás rúas da cidade volvendo superar as expectativas de participación.
A resposta dos corredores volveu superar as expectativas. Os 3.000 dorsais previstos para a carreira absoluta esgotáronse con máis dun mes de antelación, o que levou á organización a habilitar unha lista de espera e a valorar unha posible ampliación das prazas en función da demanda e das posibilidades organizativas e de seguridade.
O éxito da convocatoria confirma a tendencia ascendente dunha Coruña10 que ano tras ano gaña presenza e participación e que chega nesta ocasión á súa vixésima edición, convertida xa nunha das probas máis consolidadas do calendario atlético galego. A edición de 2025 reunira 3.500 participantes, o mellor dato da carreira na última década, segundo os datos facilitados polo Concello.
A carreira absoluta dará comezo ás 10:00 horas e terá un percorrido de 10 Km. totalmente urbano, e homologado. A saída estará situada na avenida da Marina e a chegada na praza de María Pita, o corazón da cidade.
Adrián Ben, principal referente da participación de elite
No apartado deportivo, contará coa presenza de destacados atletas, entre os que sobresae o galego Adrián Ben, finalista nos Xogos Olímpicos de Tokio 2020 e campión de España de 1.500 metros. O atleta de Viveiro afrontará a súa primeira participación como sénior na Coruña10, despois de ter percorrido anteriormente o trazado da proba nas categorías inferiores.
A presenza de Ben achega un importante atractivo deportivo a unha carreira que pretende combinar, unha vez máis, o carácter popular coa presenza de atletas de primeiro nivel. Xunto a el estará tamén David de la Fuente, medallista no pasado Campionato de España dos 5.000 metros, que se suma ao elenco de atletas de referencia chamados a pelexar polos primeiros postos da clasificación.
A presenza destes nomes permitirá elevar o nivel competitivo dunha proba que, máis alá dos resultados e dos tempos, mantén como un dos seus principais sinais de identidade a enorme participación popular. Deste xeito, a celebración número vinte continúa coa mesma vocación coa que naceu: facer das rúas da cidade un gran espazo para o deporte, a participación e o encontro entre atletas populares e corredores de elite. Unha cita que volve demostrar, coa resposta dos participantes, o peso que o atletismo popular ten na Coruña e no conxunto de Galicia.
A xornada completarase coas diferentes carreiras de menores, que se desenvolverán a partir das 11:45 horas, prolongando unha festa atlética pensada para todas as xeracións.