A Malata volve acoller un autonómico coa disputa do galego Sub16 por equipos
O estadio da Malata volverá acoller unha gran cita do atletismo galego o vindeiro 3 de outubro coa disputa do Campionato Xunta de Galicia de Clubs Sub-16, unha competición que reunirá arredor dunha vintena de equipos e que permitirá comprobar, nunha xornada de alta intensidade, o nivel das novas xeracións do atletismo autonómico.
Así o valoraron no día de onte o Concelleiro de Deportes ferrolán Ricardo Aldrey e o presidente da Comisión Xestora da FGA Iván Sanmartín durante o acto de presentación que tivo lugar na Cidade Departamental.
A competición estaba inicialmente prevista para o pasado 4 de xullo no estadio Gregorio Pérez Rivera de Lugo, pero as elevadas temperaturas rexistradas naquela xornada obrigaron a cancelar a cita e trasladala a unha nova data e escenario.
Entre os equipos que acudirán a Ferrol estarán os campións da pasada edición: o Celta Atletismo, na categoría feminina, e a Sociedad Gimnástica de Pontevedra, na masculina. Ambos os dous conxuntos buscarán volver situarse na primeira posición e defender os títulos acadados na anterior edición.
A relación de participantes inclúe, a priori, na categoría masculina a Atlética Lucense, Atletismo Noia, Atletismo Obradoiro e Ferrol Atletismo, mentres que nas dúas categorías está prevista a presenza de ADAS CUPA, Celta Atletismo, C.D. La Purísima, Club Atletismo Narón, C.A. Sada, Lucus Caixa Rural Galega, Sanysec Ourense e Sociedad Gimnástica de Pontevedra.
A xornada ofrecerá así unha nova oportunidade para seguir de preto a evolución da canteira do atletismo galego, con atletas Sub-16 que afrontan unha das últimas grandes citas da tempada ao aire libre antes de que o calendario comece a mirar cara á pista cuberta e ao campo a través.
Volta das grandes competicións á Malata
A celebración do campionato terá ademais un significado especial para Ferrol, xa que supón o retorno das grandes competicións ás pistas da Malata despois dun ano no que os traballos de acondicionamento da instalación limitaron a actividade competitiva.
A Malata recuperará así o protagonismo no calendario autonómico cunha competición destinada a medir o rendemento colectivo dos clubs e, ao mesmo tempo, poñer o foco nunha xeración chamada a ser protagonista do futuro do atletismo galego.