Ames pecha o Mundial cun gran éxito deportivo e organizativo
A celebración este domingo, 20 de setembro, do Campionato do Mundo de 100 km da IAU converteu Ames no epicentro mundial do ultrafondo e permitiu situar Galicia no foco internacional dunha das disciplinas máis esixentes do atletismo.
O resultado a nivel organizativo e deportivo foi dun gran nivel como así apuntaba o Presidente da Comisión Xestora da FGA Iván Sanmartín, quen ademáis qixo poñer en valor o extraordinario traballo desenvolto polo Concello de Ames “…para facer posible a celebración dunha competición destas características, así como a capacidade de coordinación demostrada durante unha xornada que esixiu un gran despregamento humano, técnico e loxístico”
De igual modo, o mandatario en funcións tamén tivo palabras para salientar “O importante apoio da Deputación da Coruña e da Xunta de Galicia, cuxa colaboración foi fundamental para facer realidade a celebración en Galicia desta gran cita internacional. A suma de esforzos entre as diferentes administracións permitiu afrontar con garantías un evento de dimensión mundial e ofrecer aos atletas un escenario á altura das esixencias dunha competición deste nivel”
Un Mundial de 100 quilómetros en Ames
A proba deu comezo ás 8:30 horas e reuniu atletas de diferentes países nun percorrido deseñado para completar os 100 km. mediante 20 voltas a un circuíto de aproximadamente cinco quilómetros.
O Campionato do Mundo converteu así as rúas de Ames no escenario dunha xornada histórica para o atletismo galego, permitindo que o público puidese presenciar en directo a competición dalgúns dos mellores especialistas internacionais do ultrafondo.
A celebración deste Mundial supón tamén un recoñecemento á capacidade de Galicia para organizar grandes competicións deportivas internacionais, así como unha oportunidade para seguir promovendo e visibilizando o atletismo e, en particular, as disciplinas de fondo e ultrafondo.
España, prata mundial por equipos na categoría feminina
No apartado deportivo, o Campionato do Mundo deixou unha destacada actuación da selección española feminina, que conseguiu a medalla de prata por equipos, cun tempo conxunto de 22 horas e 21 minutos.
A gran protagonista española foi Gemma Arenas, que conseguiu a medalla de bronce individual cun tempo de 7h.17:50, establecendo un novo récord de España absoluto de 100 km e, ao mesmo tempo, un novo récord mundial na categoría W45.
A actuación española completárona Estefanía Unzu, sexta clasificada con 7h.22:13; Carmen María Pérez, con 7h.41:03, e María Romero, que completou os 100 quilómetros en 7h.47:31.
Na competición masculina, Carlos Gazapo foi o primeiro español en meta, finalizando na décima posición cun rexistro de 6h.31:09. Jesús Rafael González ocupou a 21ª posición, con 6h.48:03; Marco Álvarez foi 36º, con 7h.06:52, e Antonio Jesús Aguilar rematou 48º, cun tempo de 7h.15:41.
Jesús Fernando Sáinz Tresguerras, 13º na categoría M35
A presenza galega tamén tivo o seu protagonismo nesta gran cita internacional. Entre os participantes atopábanse os galegos Jesús Fernando Sáinz Tresguerras, do C.A. SAR, e Jorge González, que afrontaron o reto dos 100 Km. no Mundial celebrado en Ames.
Jesús Fernando Sáinz Tresguerras conseguiu completar a competición cun tempo de 9h.23:42, finalizando ademais no 13º posto da categoría M35. O atleta do C.A. SAR protagonizou así unha destacada participación nunha competición de máxima esixencia, logrando completar a distancia total.
Pola súa banda, Jorge González, na categoría M55, tivo que abandonar a competición na volta número 13, despois de permanecer en carreira durante 5h.24:29.
Importante reforzo internacional organizativo
A celebración do Mundial deixa unha importante pegada para o atletismo galego e reforza a capacidade de Galicia para acoller competicións de primeiro nivel internacional.
O Campionato do Mundo de 100 km celebrado en Ames quedará así como unha gran cita deportiva para Galicia, tanto pola dimensión internacional da competición como pola oportunidade de achegar o ultrafondo ao público galego e de poñer en valor o traballo desenvolvido polo conxunto do tecido deportivo e institucional.
Foto, RFEA