O atletismo galego reafirma o súa presenza en Europa
O Campionato de Europa de Atletismo baixaba este domingo o pano deixando un balance moi positivo para a delegación española, que rematou a competición cun total de oito medallas e 29 postos de finalista, uns rexistros que igualan os acadados en Roma 2024 e que consolidan o excelente momento que atravesa o atletismo estatal.
No que respecta á representación galega, os resultados volveron poñer de manifesto o gran nivel dos nosos e nosas sete atletas, que tiveron unha presenza destacada en diferentes disciplinas e contribuíron, unha vez máis, ao éxito colectivo da selección española.
O nome propio do campionato foi, sen dúbida, o de Ester Navarrete, quen conseguiu unha nova medalla de bronce por equipos formando parte da selección española. A atleta viguesa volveu desempeñar un papel determinante, do mesmo xeito que xa acontecera en Roma 2024 durante a disputa da media maratón.
Navarrete concluíu a súa participación no posto décimo oitavo cun rexistro de 2h 31:57, un resultado que confirma o seu excelente momento deportivo e que a mantén entre as grandes referencias internacionais da especialidade. A súa regularidade nas grandes competicións e a súa capacidade para render ao máis alto nivel converten a atleta galega nun dos valores máis sólidos do fondo español.
A marcha atlética volveu ser outro dos grandes focos de atención para o deporte galego. Dani Chamosa deu un importante paso adiante na proba de maratón marcha, na que conseguiu finalizar en postos de finalista europeo e establecer, ademais, un novo récord galego cun tempo de 3h 02:32.
Este resultado vén reforzar a progresión experimentada polo atleta nos últimos anos e súmase ao posto de finalista acadado no Campionato do Mundo de Tokio, confirmándoo como un dos grandes referentes da marcha española e unha figura cada vez máis consolidada no panorama internacional.
Na categoría feminina, a sorte volveu ser esquiva para Antía Chamosa, que non puido reflectir na clasificación final o seu verdadeiro potencial. A atleta rematou na duodécima posición da media maratón marcha cun tempo de 1h 35:57.
Malia non conseguir o resultado desexado, a tempada deixa importantes sinais positivas e o principal obxectivo pasa agora por completar a súa recuperación para afrontar con plenas garantías os grandes compromisos previstos para 2027. A ilusión, o esforzo, a capacidade de sacrificio e a calidade deportiva seguirán marcando o camiño dunha atleta chamada a continuar sendo unha das grandes referencias da marcha galega.
Tamén merece unha mención especial a actuación de Aldara Meilán, que, no seu primeiro ano na categoría sub-23, xa demostra estar plenamente integrada na elite internacional. A atleta lucense quedou ás portas do seu primeiro posto de finalista absoluto ao rematar na novena posición cun rexistro de 1h 34:53, a pesar de competir con molestias nos isquiotibiais.
O seu rendemento confirma que non estamos diante dunha promesa de futuro, senón dunha realidade presente. O seu talento, a súa capacidade competitiva e a súa evolución permiten afrontar os vindeiros anos con enorme optimismo.
Nos concursos de lanzamentos, as sensacións foron máis dispares para as representantes galegas. Belén Toimil, sempre competitiva e comprometida, non puido acceder á final do lanzamento de peso tras alcanzar unha mellor marca de 16,79 metros (X/16,52/16,79). O corte para acceder á loita polas medallas quedou fixado nos 17,62 metros, nunha tempada na que a súa mellor marca persoal era de 17,80 metros.
Pola súa parte, Yulenmis Aguilar deixou unha sensación agridoce no concurso de lanzamento de xavelina. A atleta lograra clasificarse para a final con autoridade o pasado xoves, empregando unicamente dous lanzamentos para alcanzar os 59,85 metros. Porén, xa na final do domingo, non conseguiu acceder á mellora tras rexistrar unha mellor marca de 57,06 metros (55,62/57,06/55,78).
Con todo, o balance debe ser necesariamente positivo. O máis importante é comprobar que a atleta está novamente en disposición de competir ao máximo nivel internacional despois de superar unha operación e un longo proceso de recuperación. Un feito que permite mirar cara á tempada 2027 con grandes expectativas.
Por último, Adrián Ben non puido cumprir o obxectivo de acceder á final dos 1.500 metros debido a un plantexamento táctico que condicionou o desenvolvemento da carreira. O atleta de Viveiro chegaba ao campionato nun excelente estado de forma, tal e como demostrara recentemente no Campionato de España, pero unha lectura incorrecta da proba, segundo recoñeceu o propio deportista, deixouno sen opcións de loitar pola clasificación.
A pesar deste contratempo, a súa calidade e a súa traxectoria invitan ao optimismo. O atleta xa pensa nos novos retos da próxima tempada, coa intención de volver ocupar o lugar que lle corresponde entre os mellores mediofondistas do continente.
O balance final do campionato deixa unha conclusión clara: o atletismo galego continúa a ter un gran peso nas citas internacionais. A presenza dos nosos deportistas entre a elite europea e mundial non é froito da casualidade, senón do traballo constante, do talento e do compromiso dunha xeración que segue facendo historia e que afronta o futuro con ambición e enormes expectativas.