Saltar ao contido
Campionato de Galicia

Vilagarcía decide os títulos galegos nos 10K

Un total de 298 atletas, dos cales 211 son homes e 87 mulleres, están chamados a participar este domingo 2 de agosto no Campionato Xunta de Galicia de 10 km en ruta, que terá lugar no Concello de Vilagarcía de Arousa.

A competición dará comezo o sábado ás 22:15 horas, con saída e chegada situadas na Avenida da Mariña, escenario principal da proba. O campionato suporá, ademais, o punto e final da tempada estival do atletismo galego en pista e pechará o calendario de Campionatos de Galicia no sintético neste treito da tempada. A actividade autonómica retomará o seu curso de maneira progresiva a partir de finais do mes de setembro, coincidindo co inicio do novo ciclo competitivo.

Principais candidadas e candidatos

Na categoría absoluta, e malia as ausencias dos actuais campións galegos, Itziar Manso e do flamante subcampión de España dos 5.000 metros, David de la Fuente, a loita polos títulos preséntase moi aberta.

No apartado masculino destaca a presenza do subcampión galego de 2025, Hugo García, así como a de Amadeo Abal (Surco Lucena), quen acredita a mellor marca da tempada entre todos os inscritos, cun tempo de 29:28, o que o sitúa como un dos grandes favoritos ao triunfo.

Na competición feminina, a atleta do Celta Sara Castillo parte tamén entre as principais candidatas ao título grazas á súa mellor marca acreditada de 36:48. Xunto a ela, haberá que seguir moi de preto a actuación de Lucía Sicre (Ría Ferrol), outra das corredoras chamadas a loitar polas primeiras posicións.

Nas categorías máster tamén será destacable a presenza de varios atletas que defenderán os títulos conquistados na pasada edición, celebrada en Carballo. Entre eles figuran Rubén Caamaño (Fontes do Sar), na categoría M40; Jordi Carrasco (SD Compostela), en M50; José Suárez (SD Compostela), en M60; Ramiro Pérez (Fontes do Sar), en M65; e Miguel Hernández (Veteranos de Samil), en M70.

Como principal novidade desta edición, o Campionato Xunta de Galicia disputarase por primeira vez en horario nocturno, unha circunstancia que achegará un maior atractivo e espectacularidade á competición, tanto para os atletas como para o público que se dea cita nas rúas de Vilagarcía de Arousa para gozar dunha das probas máis destacadas do calendario autonómico.

O Campionato Xunta de Galicia celebrarase de maneira conxunta coa XII Carreira Nocturna Concello de Vilagarcía, convertendo a localidade arousá no epicentro do atletismo galego durante a noite do sábado.

Máis información

Compartir